Burela, 29 de xuño de 2012. A Fundación Imdecum (Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña) presentou esta mañá a competición do Torneo Imdecum de Fútbol Sala Base 2012 ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’, que reunirá preto dunha trintena de equipos na comarca mariñá entre o 6 e o 8 de xullo como homenaxe ao mozo policía burelao falecido en acto de servizo a finais do mes de xaneiro na praia coruñesa do Orzán. O salón de plenos do consistorio burelao acolleu o acto coa presenza do tenente de alcalde, Manuel Fernández Valle, a concelleira de Deportes, Beatriz Piñeiro López, e o presidente da entidade organizadora, Marcelino Luna.
O ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’ acollerá na Mariña o fútbol sala de base nunha competición coa participación das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. A fase de grupos disputarase entre o venres e o sábado nos pavillóns da Veiga (San Cibrao), Monte Castelo (Burela), Vista Alegre (Burela) e Marzán (Foz). Vista Alegre será testemuña da fase final de todas as categorías o domingo, coa entrega de premios ás 21.00 horas como clausura da cita. Entre os clubs participantes, a comarca recibirá o Boadilla Las Rozas (Madrid), Troula FS Betanzos (A Coruña), ED Vigo 2015 (Pontevedra), así como diferentes representantes da Mariña, entre os que estará o CD Burela FS Pescados Rubén.
Dende o Concello, Manuel Fernández e Beatriz Piñeiro aplaudiron a iniciativa de Imdecum para promover a actividade deportiva na bisbarra rendéndolle homenaxe a “un veciño que sempre representará uns valores de compromiso e comportamento que deben servir de modelo para a xuventude”, coincidiron en asegurar os edís.
O presidente de Imdecum transmitiu o “sentimento de orgullo por ter a oportunidade de organizar unha competición de referencia futbolística, na que os rapaces e rapazas tamén dispoñerán dunha completa axenda lúdica. Poderán utilizar diferentes instalacións, como a piscina municipal de San Cibrao, e as pistas de tenis e pádel de Burela, así como os campos de fútbol, e visitarán o barco-museo Reina del Carmen”. Marcelino Luna tamén agradeceu “a colaboración e boa vontade da familia do homenaxeado, así como o apoio da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a Federación Galega de Fútbol, os Concellos de Burela, Cervo e Foz e o CD Burela FS, grazas aos que o Memorial pode facerse realidade”. Así mesmo, o presidente de Imdecum tamén convidou a todos os afeccionados a achegarse aos diferentes pavillóns para “gozar do espectáculo deportivo”.