Benestar oferta máis de 1.800 prazas para mozos e mozas na campaña de verán na provincia de Lugo
· O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe ás instalacións da Mariña Lucense: o campamento xuvenil da Devesa, en Ribadeo e o albergue da Area, en Viveiro
· Ademais destas dúas instalacións, a provincia tamén contará con actividades de verán en Palas de Rei, Portomarín e na capital lucense
· En toda Galicia ofertaranse máis de 8.000 prazas na Campaña de Verán da Consellería de Traballo e Benestar
Así o expuxo o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, na visita que fixo ás instalacións da Mariña Lucense: o campamento xuvenil da Devesa, en Ribadeo e o albergue da Area, en Viveiro.
Na Devesa están 100 mozos de 12 a 14 anos no campamento ‘DevesAventura’ e outros 75 de 10 a 12 anos na actividade ‘Sinte Galicia’. En total, nesta campaña de verán un total de 764 mozas e mozos pasarán pola instalación de Ribadeo.
En canto ao albergue de Area, son 100 de entre 14 e 16 anos os que participan nun campamento centrado en actividades de mar, como vela, táboa, wake board e aula de natureza mariña. No albergue de Viveiro participarán nestas actividades un total de 520 mozos e mozas ao longo dos meses de xullo e agosto.
Ademais destas dúas instalacións, a provincia de Lugo tamén contará con actividades de verán no campamento xuvenil Os Chacotes, de Palas de Rei, no albergue Benigno Quiroga de Portomarín e no complexo xuvenil Lug II da capital.
A Campaña de Verán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado inclúe campamentos, intercambios con outras comunidades autónomas; oferta concertada de prazas nas instalacións xuvenís do departamento autonómico; actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo; e accións para mozos e mozas descendentes de galegos, residentes no exterior.
En toda Galicia ofertaranse máis de 8.000 prazas na Campaña de Verán da Consellería de Traballo e Benestar. O investimento da Xunta nesta programación ascenderá a preto de 2,4 millóns de euros e a posta en marcha deste programa conlevará a contratación de preto de 900 monitores e directores de tempo libre.