764 persoas solicitan os novos cursos cos que a Deputación facilitará a inserción laboral dos desempregados da provincia
– Os 340 beneficiarios da segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego recibirán formación teórica e práctica nas profesións con máis futuro: servizos sociais, medio ambiente e novas tecnoloxías
– As accións formativas, cofinanciadas ó 80% por fondos da Unión Europea, comezarán a impartirse a finais deste mes de xullo e concluirán en novembro
Grazas ó programa, financiado ó 80% por fondos da Unión Europea, os participantes recibirán, sen custe algún, formación teórica nos xacementos de emprego, e realizarán prácticas en asociacións e empresas lucenses de sectores estreitamente vinculados con estas áreas. Entre finais deste mes de xullo e o mes de novembro impartiranse un total de 22 accións formativas de 13 temáticas diferentes, todas elas vinculadas coas profesións de maior potencial de desenvolvemento e que mellor están a resistila crise. Trátase dos coñecidos como empregos brancos, vinculados coa atención sociosanitaria e a dependentes, un sector que, segundo un informe do Ministerio de Traballo de outubro do ano pasado, xerará 200.000 empregos hasta 2015 en España; os empregos verdes, que medraron un 235% na última década, superando os 500.000 postos en España na actualidade, e os 24.000 en Galicia; e os empregos azuis, os relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, área que creará 218.000 empregos hasta 2020 no país.
O Pacto polo Emprego persegue mellorar a formación e, con elo, as posibilidades de acceso ó mercado laboral, dos desempregados da provincia en xeral, e en especial das persoas con maiores dificultades, é dicir, mozos menores de 30 anos; maiores de 45 anos; desempregados de longa duración; persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial; e vítimas de malos tratos; entre outros colectivos en risco de exclusión social.
O contido dos cursos
Os cursos ofertados son os seguintes: coidador de discapacitados físicos e psíquicos; atención especializada para enfermos de alzheimer; auxiliar de enfermería en xeriatría; dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil; produtor de hortalizas ecolóxicas; actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; instalador de impermeabilización; mantedor, reparador de calefacción e auga quente sanitaria; edificación sostible; técnico en comercio exterior; xestión comercial das ventas; e administración de servidores e páxinas web. Ademais, como novidade con respecto á primeira parte do Pacto, impartirase un taller de emprendemento, no que os participantes recibirán información clave para iniciar o camiño da posta en marcha dun negocio propio.
Para facilitala participación, as accións formativas descentralizaranse, levándose a cabo nas áreas de influencia de Monforte de Lemos, Viveiro e Lugo, unhas localizacións que, en calquera caso, poderán sufrir cambios en función da demanda rexistrada.
Os participantes recibirán durante todo o período formativo –teórico e práctico- unha axuda económica que non pode superar o 75% do IPREM (Índice Público de Renda de Efectos Múltiples) para este ano 2012, é dicir, aproximadamente 400 euros. Esta axuda é compatible coa prestación por desemprego ou con outras axudas públicas con esta mesma finalidade, sempre e cando o conxunto das rendas percibidas non supere o 75% do IPREM. As persoas interesadas poden encontrar información sobre esta iniciativa na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org
Máis inserción laboral
Coa segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, a Deputación dá continuidade ós proxectos que, a pesar de non ter as competencias directas en emprego, leva impulsado para dinamizar o mercado laboral, tales como a propia primeira parte do Pacto, na que participaron 575 persoas, das que máis de 100 seguiron traballando; o Plan Lugo Emprega, que deu traballo a 711 persoas, ou as becas medioambientais Lug02, que acadaron unha inserción laboral do 50%. O organismo lugués poñerá tamén en marcha o Plan Integral Agropecuario e Forestal, que formará a 900 persoas para potencialo emprendemento nestes sectores vitais para o tecido socioeconómico de Lugo.