Site icon Crónica3.com A Mariña

A asesora do concello de Cervo toma posesión como concelleira e o goberno municipal elimina a praza de asesora, explica o PSOE

PILAR ARMADA TOMA POSESIÓN COMO EDIL E O GOBERNO ELIMINA A PRAZA DE ASESOR AMOSANDO QUE ESTE POSTO NON TIÑA OUTRO FIN QUE NON FOSE A SÚA XUBILACIÓN

-Os socialistas aseguran que aínda por riba “cobrará máis que a súa antecesora, o que representará un aumento nos gastos de persoal do seu grupo municipal”

-O goberno de Villares queda en evidencia pero “os veciños aínda teremos que dar as gracias, mentres eles se vanaglorian xustificando que a supresión do posto suporá un aforro á facenda local”

CERVO, 23 DE XULLO. No último pleno do Concello de Cervo ademais da aprobación de presupostos, tivo lugar a toma de posesión da concelleira Pilar Armada como substituta da dimitida Pilar Álvarez, “esta incorporación o único que suporá será o incremento de gastos de persoal do seu grupo municipal porque cobrará moito máis do que cobraba a súa antecesora”.

Non é xusto que mentres os seus compañeiros do PP no Goberno Central están impoñendo un esforzo sobrehumano a parados, traballadores, pensionistas, estudiantes… “o equipo do señor Villares segue subindo os seus propios soldos”.

Co novo cargo de concelleira, Pilar Armada deixa o seu posto de asesora de políticas sociais vacante, un posto que hai dous días o señor alcalde defendía como de primeira necesidade, “da noite para a mañá será eliminado. Queda así máis que demostrado que o GMS tiña razón cando afirmaba que esta praza de asesor só tiña a finalidade de solucionar a xubilación desta señora, pois se fose tan necesaria, agora tería que ser cuberta con outra persoa”.

É vergoñento que os veciños teñan que soportar este tipo de maniobras do señor Villares e “aínda teremos que dar as gracias porque en lugar de recoñecer cal é a verdadeira historia, aínda se vanaglorian xustificando que a supresión deste posto suporá un aforro á facenda local”.

Subliñan que “non é así señor alcalde, diga que o posto que creou de asesor simplemente era para cubrir as necesidades desta señora que non entrou no reparto de carteiras do concello. Agora que volve ó goberno de rebote, non lle importa nada o que lle poida aportar un asesor en políticas sociais”.

Os socialistas alégranse de que sexan eles mesmos os que desvelen públicamente os seus propios amaños, “esta era unha praza que nunca se tiña que ter creado, unha praza que un concello coma Cervo con menos de 5.000 habitantes non podía soster e que só tiña como fin solucionar as necesidades da señora Pilar Armada. Dende o primeiro momento, nós alertamos ós veciños desta situación, agora, eles mesmos se delatan”.

Minten máis que falan

O goberno local de Cervo parece que quere seguir falando sobre os presupostos, e responde as nosas críticas “con medias verdades, por non dicir mentiras”.

A principal crítica dos membros do GMS ós orzamentos estaba dirixida á falta de políticas activas de fomento de emprego “pero parece ser que deste tema non lles convén falar. Non entramos na partida de educación para nada, pero se queren que entremos, non temos ningún tipo de problema. Teñen a osadía de afirmar que o 25% do gasto total se dirixe a servizos sociais e educación, cando baixo ese epígrafe se inclúen máis de 483.000 euros dirixidos á Praza dos Campos. Que ten que ver esta praza coa educación e os servizos sociais? A resposta técnica dada no pleno é que cando se abriu este capítulo, o lugar onde se ubica hoxe en día a praza estaba ocupado polo colexio Rivera Casás, e ata que se finalice non se pode retirar da partida de educación. Este equipo de goberno ten tan pouca vergoña que aínda nos queren tratar de tontos, pero non vai ser así”.

Os socialistas consideran que non hai nada máis insultante que o goberno pretenda mentirlle ós veciños que representa, “sabemos que todas as asociacións reciben axudas, pero o que nós subliñamos é que non todas levan a mesma contía, que expliquen os criterios de reparto que siguen porque diso debéronse esquecer ó redactar a resposta. De paso, que fagan memoria tamén de cantos euros destinarán a políticas activas de emprego e que teñan en conta que os datos que manexamos non son outros que os facilitados polo mesmo Concello”.

Exit mobile version