Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación de veciños O Tesón de Ribadeo agarda a reactivación do regulamento de participación cidadá

Asamblea Xeral ordinaria da Asociación de Veciños O Tesón

O pasado día 1 de xullo, no Auditorio Casa do Mar, ás 12 horas, tivo lugar a Asamblea Xeral ordinaria da Asociación de Veciños O Tesón correspondente a 2012.

Comezouse coa lembranza de Gilberto Suárez, que foi Presidente da asociación, sendo despois lida e aprobada por unanimidade a acta anterior.

Pasouse despois á presentación e aprobación de contas e memoria de actividades, destacando:

No referente ás relacións co concello, seguimos esperando a reactivación do regulamento de participación cidadá, parado despois dunha aprobación inicial e tras ter presentado pola nosa parte apelación para lograr unha mellor solución. Fíxose, dentro das nosas posibilidades, seguemento da tramitación de PXOM (aínda que non se chegou a presentar alegación por parte da sociedade ó entender que están pendentes de contestar e considerar as alegacións xa feitas con anterioridade) e outras actividades, incluído a nova liña eléctrica ou a subestación de próxima construcción.

Seguiuse a preguntar de xeito máis ou menos sistemático nos plenos do concello, plantexando diversas preguntas, dende a facilidade de paso alternativo de bicicletas pola ponte dos Santos ó custe de mantemento do ascensor da Atalaia, sen esquecer o estado das pesquisas en relación ás vidrieiras do cemiterio ou o material e informe do Castro das Grobas. As contestacións obtidas consideramos que en moitas circunstancias quedaron coxas, a parte da dilación na súa contestación.

Ténse participado en xuntanzas con outras asociacións, principalmente en relación ó apoio para que Ribadeo teña unha nova residencia da terceira idade. E máis recentemente, a asistencia á Asamblea da Asociación Puente de los Santos, deu pé a algunha explicación ós presentes.

O tema das vidrieiras tratouse por separado, quedando en que non se podía permitir que se esquecera sen aclarar responsabilidades nin solución. De igual xeito, fíxose un repaso da historia da nosa intervención para tentar que Ribadeo teña un xulgado equivalente ó que tivo ata hai medio século.

Pasouse logo a outros temas diversos, dende o cambio de local de reunións ata os ciclos de charlas e cine-forum realizados, sen esquecer outros asuntos que xa veñen de lonxe, como o seguemento do ruído, ou as actividades sociais, como a viaxe a Sto. Estevo, S. Martiño e a Frouxeira, realizado a comezos do pasado outono.

Dentro deste apartado, mereceu mención especial a actividade en canto ó uso de topónimos en internet, como o cambio o uso de Ría de Ribadeo que por fin se está a facer en Google maps despois de moito tempo con ‘río de Ribambo’, ou o aínda non logrado cambio en Facebook, onde segue aparecendo ‘perto de Castropol’.

A presentación do novo programa de actividades é continuísta; no mesmo apartado de memoria adiantouse que preténdese continuar con actuacións que se veñen mantendo e lanzar outras actividades de continuación, como as xa citadas charlas ou cine-froum, ou a viaxe social, que este ano será á Mondoñedo. De calquera xeito, e como cousas extraordinaria a máis do propio programa, votouse pola solicitude dun recoñecemento a Gilberto.

Como punto débil da asociación, considérase prioritario conseguir un maior contacto entre socios e tamén coa directiva, así como a incorporación de xente nova á directiva.

En liñas xerais, os tres principais eixes de actuación o próximo período, está previsto que sexan:

-pedir de novo ó concello que as vidrieiras sexan expostas, e estudar a realización dun obradoiro sobre vidrieiras, para concienciar á xente sobre o seu valor e mesmo axudar na súa reconstrucción.

-seguir actuando en pro da volta do xulgado: estamos actualidade pendentes dunha xuntanza con alguén da xudicitura, aceptando a idea de pedir unha xuntanza con representantes políticos para tentar reimpulsar o tema.

-continuar co apoio total á plataforma da residencia de maiores.

Exit mobile version