Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo presenta un plan de emprego feminino dotado con 200.000 euros

A VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN DE LUGO PRESENTA UN PLAN DE EMPREGO FEMININO DOTADO CON 200.000 EUROS

Antonio Veiga insiste en que “as políticas de austeridade postas en marcha polo Goberno central e a Xunta de Galiza están a provocar unha maior destrución do emprego”

O paro feminino é especialmente alarmante entre as mulleres de 25 a 44 anos e nas comarcas de Chantada e A Fonsagrada, onde, dende 2009, se incrementou un 35% e un 34% respectivamente

Lugo, 4 de xullo de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade, o nacionalista Antonio Veiga, presentou, esta mañá, un plan de emprego feminino dotado con 200.000 euros co que se pretende formar e ofrecer oportunidades de traballo a 200 mulleres de toda a provincia.

Segundo os datos do Servizo Público de Emprego Estatal, o desemprego feminino na provincia de Lugo incrementouse, nos últimos tres anos, un 27%, pero de xeito especialmente alarmante entre as mulleres de entre 25 e 44 anos. En maio de 2009 o paro neste tramo de idade afectaba a 5.556 mulleres, cifra que aumentou ata as 7.748 mulleres en maio de 2012.

Para o vicepresidente da institución provincial “estes datos debuxan un panorama desolador contra o que é preciso tomar medidas diametralmente opostas ás que se están implementando tanto desde o Goberno central como desde a Xunta de Galiza, máis preocupados pola evolución das variables macroeconómicas que pola economía real das familias que empeora día a día. As medidas de austeridade, centradas na redución do gasto público que se empezaron a por en marcha en 2010, estase a comprobar que non poñen freo á destrución de emprego e que están a ter o efecto contrario creando máis paro”.

Antonio Veiga insistiu en que “a crise económica non pode ser unha escusa para deixar de lado as políticas de emprego con perspectiva de xénero. Seguen a ser necesarias medidas que faciliten a incorporación da muller ao mercado laboral en condicións de igualdade cos homes. O desemprego feminino require unha atención especial, e por iso desde a vicepresidencia da Deputación poñemos en marcha este Plan”.

O Plan de Emprego para Mulleres deseñado pola Vicepresidencia do ente provincial ten un dobre obxectivo: formar ás mulleres participantes naqueles sectores económicos que mellor están a resistir a recesión económica e que son un nicho potencial de creación de emprego, como o turismo, e fomentar a cultura emprendedora, o autoemprego e o cooperativismo.

“Preténdese tamén –precisou Veiga- recuperar o emprego no sector servizos, un dos máis afectados pola crise e cunha taxa de desemprego feminino que sufriu un incremento do 25% nos últimos tres anos, ao tempo que potenciar modelos de negocio descentralizados, diversificados e rendíbeis economicamente”.

O vicepresidente da Deputación rematou a rolda de prensa explicando que as accións formativas deste Plan de Emprego para as Mulleres levaranse a cabo durante 9 meses na Mariña e nas zonas centro e sur de Lugo.

Exit mobile version