Site icon Crónica3.com A Mariña

A familia do policía burelao Rodrigo Maseda, finado na praia do Orzan, recolleu a medalla de ouro de Galicia

Medallas de ouro de Galicia
O alcalde de Burela José María González Barcia asistiu en Santiago ao acto de entrega das medallas de ouro de Galicia acompañando a familia de Rodrigo Maseda en nome do concello de Burela.

MEDALLAS GALICIA 2012
HEROES DO ORZÁN
Ao longo da súa breve pero intensa traxectoria como policías nacionais, destacaron pola
súa rigorosa e estrita profesionalidade, cumprindo en todo momento cos labores e
obrigas dos seus cargos.
Esta traxectoria culminou na madrugada do 27 de xaneiro cando perderon a vida nos
labores de rescate dun estudante eslovaco que non podía saír do mar embravecido da
Praia do Orzán, na Coruña.
Estas tres persoas son o exemplo do que supón levar ata o extremo a vocación de
servizo e a xenerosidade.
Por tan heroica intervención máis aló do deber, o Ministerio do Interior condecorounos
coa máxima distinción do Corpo Nacional de Policía.
……………………………….
D. JAVIER LÓPEZ LÓPEZ
Nado en Osnabrück (Alemaña) hai 38 anos, licenciado en Dereito, ingresa na Escala
Básica do Corpo Nacional de Policía en xaneiro de 2005, incorporándose á Xefatura
Superior de Madrid, concretamente no posto fronteirizo do aeroporto de Baraxas.
En xuño de 2007 ocupa novo destino na Xefatura Superior de Navarra, dentro da
Brigada Provincial de Seguridade Cidadá.
Case tres anos despois volve a Galicia e ingresa na Brigada de Seguridade Cidadá da
Coruña.
O seu bo facer fíxoo merecedor de 4 felicitacións públicas, unha condecoración militar e
a Medalla de Ouro ao Mérito Policial, a título póstumo.
D. RODRIGO MASEDA LOZANO
Nado en Burela hai 35 anos, este técnico superior en Electricidade e electrónica ingresa
na Escala Básica do Corpo Nacional de Policía en xuño do ano 2000, tendo como
primeiro destino a Comisaría provincial de San Sebastián.
En xullo de 2005 incorpórase á Comisaría local de Viveiro ata novembro de 2007, ano
en que tras ascender a oficial de Policía, ocupa praza na Xefatura Superior de Navarra.
Volve a Galicia en xuño de 2009 para ocupar praza no que será o seu derradeiro
destino, a Brigada provincial de Seguridade Cidadá da Coruña.
O bo desempeño do seu labor profesional valeulle o recoñecemento oficial con 11
felicitacións públicas e a Medalla de Ouro ao Mérito Policial, a título póstumo.
D. JOSÉ ANTONIO VILLAMOR VÁZQUEZ
Nado no Reino Unido hai 34 anos, este técnico superior en Electricidade e electrónica
ingresa en xaneiro de 2005 na Escala Básica do Corpo Nacional de Policía. O seu
primeiro destino foi a Comisaría local de Arrecife, nas illas Canarias.
En xuño de 2009 regresa a Galicia para incorporarse á Brigada Provincial de Seguridade
Cidadá da Coruña.
A súa profesionalidade vén avalada por 15 felicitacións públicas e a Medalla de Ouro ao
Mérito Policial, a título póstumo.

MILLADOIRO
Milladoiro é o grupo de música folk e de música celta que naceu a finais dos 70 da
unión da formación tradicional Faíscas do Xiabre -integrada por Xosé Ferreirós, Nando
Casal e Ramón García Rei-, cos músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Algúns dos
seus compoñentes coñecíanse desde comezos dos 70 e outros de toda a vida.
É unha formación musical que permaneceu estable durante moito tempo, ata o ano
2000, cando Rodrigo Romaní decide abandonar o grupo para seguir un camiño en
solitario.
Comparten a paixón pola música e polo noso país, e durante anos levan realizado un
incansable labor de recuperación e reivindicación da tradición musical de Galicia.
Milladoiro é un dos principais embaixadores da cultura galega por todo o mundo,
ademais de participar no campo da fusión e na investigación de novas formas artísticas.
O seu primeiro concerto foi o 15 de maio de 1979 no Colexio dos Salesianos da Coruña
e na súa andaina musical teñen no seu haber vinte e catro discos e oito bandas
sonoras.
Co paso dos anos o grupo foi evolucionando cara a unha música cada vez máis
elaborada, de aspecto clásico pero que conserva as súas referencias á música galega.
Os seus discos e directos manteñen a alternancia entre o repertorio máis folk e as pezas
de carácter máis concertista.
Milladoiro está considerado un dos pioneiros da modernidade no folk galego, innovando
nas combinacións instrumentais pouco habituais ou sendo o primeiro grupo folk que
gravou música acompañado de pandeireteiras.
A súa versatilidade, demostrada non só nos seus traballos como grupo senón noutras
producións e colaboracións, serviulles para gañar un Premio Goya en 1986 pola banda
sonora orixinal da película La mitad del cielo, de Manuel Gutiérrez Aragón.
Entre os seus discos destacan o titulado Iacobus Magnus, gravado no ano 1994
encargado polo Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela para conmemorar o
Ano Santo.
Tamén destaca o titulado Gallaecia Fulget, gravado en 1995, por encargo da
Universidade de Santiago de Compostela para a exposición conmemorativa dos 500
anos da súa fundación. Os traballos de Milladoiro levan a palabra Galicia polo mundo
enteirodesde hai 34 anos.

REAL ACADEMIA DE MEDICINA E CIRURXÍA DE GALICIA
O ano pasado fixéronse 180 anos do establecemento da Real Academia de Medicina e
Cirurxía de Galicia, que tivo lugar o 7 de xuño de 1831 en Santiago de Compostela,
aínda que a súa creación fora aprobada por un real decreto de Fernando VII o 28 de
agosto de 1827. O 18 de xullo de 1833, a Real Academia trasladouse á cidade da
Coruña, onde se mantén ata a actualidade.
O nacemento da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, xunto con outras
nove aprobadas no mesmo real decreto de Fernando VII, representou o primeiro intento
serio de organizar, de maneira global, o devir da medicina.
Na actualidade, as súas misións principais son as de cultivar e estimular o estudo e a
investigación das ciencias médicas; auxiliar as autoridades nas cuestións sanitarias;
conservar e cultivar unha biblioteca especializada e informar aos investigadores sobre
cuestións sanitarias.
A principal expresión desas actividades constitúena a realización de sesións científicas
semanais, abertas aos profesionais médico-sanitarios en xeral, e nas que, como un foro
de formación continuada en nivel de excelencia, se fai unha permanente posta ao día
dos progresos médicos nos seus diversos aspectos preventivo, diagnóstico, prognóstico
e terapéutico.
Igualmente levan a cabo sesións de divulgación socio-sanitaria destinadas a mellorar a
educación, nesta materia, da poboación galega en xeral, e imparten conferencias “á
carta” en atención ao que a sociedade demande.
A Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, como institución, recibiu a Placa de
Ouro ao Mérito Sanitario de Galicia no ano 2003, o XII Premio “Novoa Santos” de
ASOMEGA (Asociación de Médicos Galegos no Exterior) no ano 2007 e a Medalla de
Ouro da Cidade da Coruña no ano 2009.
Na actualidade, forman parte da academia 38 académicos numerarios; 6 académicos de
honra; 5 académicos honorarios e 301 académicos correspondentes .(204 residen en
Galicia; 63 noutros lugares de España e 34 no estranxeiro: Alemaña, Arxentina, Cuba,
Francia, Gran Bretaña, Italia, Uruguai e Estados Unidos).
A Real Academia promove bolsas, premios e congresos para potenciar a divulgación
das ciencias médicas. A súa máxima distinción é a Medalla de Honor, que no ano 2012
recaeu na Escola Naval Militar de Marín en recoñecemento á colaboración que veñen
mantendo estas dúas institucións dende que comezaron a organizar diversas sesións de
carácter académico para os alumnos do centro castrense de Marín, hai xa unha década.
Son 180 anos cultivando e estimulando o estudo e a investigación.

Exit mobile version