Site icon Crónica3.com A Mariña

A festa castrexa de Burela foi presentada no Museo Povincial de Lugo

O MUSEO PROVINCIAL ACOLLEU A PRESENTACIÓN DA I FESTA CASTREXA QUE SE CELEBRARÁ EN BURELA O VINDEIRO 7 DE XULLO. GONZÁLEZ BARCIA DIXO QUE HAI MOITA EXPECTACIÓN CREADA E ANIMOU A TODOS A PARTICIPAR NESTA CITA.

Lugo, 4 de xullo de 2012. O Museo Provincial de Lugo foi escenario da presentación da I Festa Castrexa que se celebrará en Burela o vindeiro sábado, 7 de xullo. O alcalde, José Mª González Barcia, asegurou que hai moita expectación e un gran ambiente en Burela estes días e animou a todos a participar nesta cita.

Na súa intervención o rexedor agradecéulle á Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo “a súa colaboración para que este acto de presentación tivese lugar neste marco excelente e único. E agradecerlle tamén a súa aportación para que esa festa castrexa sexa posible”.

González Barcia dixo que “se trata de facer un evento que sirva para dinamizar o noso tecido socioeconómico e para facer ver cales son as nosas raíces culturais. A idea que ACIA tivo é completamente acertada, de feito xa nos plantexaron dita idea prácticamente perfilada, e pouco había que facer máis que animalos e colaborar con eles. A festa castrexa ten un preámbulo o venres, 6 de xullo, ás 20:30 horas no salón de plenos do Concello cunha conferencia titulada O mundo castrexo, que será impartida por unha burelesa, por Aurelia Balseiro, que a parte de ser especialista no tema é a directora do Museo Provincial de Lugo”.

O alcalde está convencido de que festa vai ser un auténtico éxito, “hai moito ambiente en Burela. Hai dous temas de referencia estes días: a selección española de fútbol e a festa castrexa. Sei que hai moita xente interesada en caracterizarse como castrexos, hai unha implicación enorme por parte das asociacións para que esta festa sexa todo un éxito e desde o Concello estamos a facer todo o posible para que esto sexa así”.

Barcia espera e confía “en que o tempo nos axude e espero e confío en que a festa discurra con normalidade, que a xente se divirta e que en próximos anos poidamos ir pensando en ampliar o abanico de actividades a nivel festivo e cultural. É probable que a finais de mes poidamos ter xa algunha noticia, pero de momento imos centrarnos na primeira edición que imos facer este sábado. Imos tentar que saia todo o mellor posible e animamos desde aquí á xente a que participe e se caracterice e que fagamos entre todos que Burela sexa un auténtico bulideiro de xente, que acollamos aos visitantes sexan romanos ou doutras tribus como se merecen e que entre todos creemos un fin de semana que promete para este 2012 e para anos próximos”.

No acto de presentación no Museo Provincial participaron tamén o vicepresidente primeiro da Deputación, Antonio Veiga, e o presidente de ACIA Burela, Pedro Fraga. Tamén acudiron o concelleiro de Economía e Comercio, José Casas, e a directora do Museo, Aurelia Balseiro.

Exit mobile version