A META IRENE CAUSA BAIXA NAS FILAS MARIÑÁS
“Foron catro anos fantásticos. Tiven no Burela FS unha auténtica familia, cun grupo estupendo, pero creo que chegou a hora de reorientar a miña vida laboral” explicou Irene, que non quixo despedirse sen agradecer “á directiva e corpo técnico o apoio e respecto demostrados durante este período”.
“Non pretendo desvincularme por completo do deporte, pero tomareino con máis calma” engadiu a meta, que tamén prometeu continuar alentando as ata agora compañeiras, pero dende a bancada: “Irei a Vista Alegre e seguirei dándolles ánimo como facía cando estaba no equipo”.
Dende as filas laranxas, a directiva do CD Burela FS agradece á porteira todos estes anos dedicados ao fútbol sala e ao crecemento da proyecto do Burela FS.
Procedente do Foz FSF, Irene chegou á entidade mariñá co nacemento do seu equipo feminino en 2008-09, onde se converteu nunha das grandes responsables do ascenso a Honra no primeiro ano de vida do Burela FSF. Xunto á súa compañeira Paula Pérez, o conxunto conseguiu rematar a tempada como equipo menos goleado de toda a División de Prata. Dende entón compartiu a responsabilidade na elite con Jozi, coa axuda de Lola entre 2009 e 2011