Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación pedirá a FEVE o mantemento dos servizos ferroviarios na Mariña

A VICEPRESDIENCIA DA DEPUTACIÓN REMITIRÁ UNHA CARTA Á DIRECCIÓN DE FEVE SOLICITANDO O MANTEMENTO DAS LIÑAS DE CERCANÍAS DE GALIZA

Antonio Veiga insiste en que “o ferrocarril é vital para a vertebración da Mariña” e asegura que “ a súa supresión afectará de xeito especial ao turismo”

O vicepresidente da institución provincial pide “responsabilidade e altura de miras” a todas as forzas políticas para conseguir que FEVE modifique a súa proposta

“Suprimir servizos ferroviarios na Mariña é situar a comarca 50 anos atrás”

Lugo, 27 de xullo de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, informou, na rolda de prensa celebrada trala Xunta de Goberno de hoxe, que enviará unha carta á dirección de FEVE solicitando o mantemento das liñas de ferrocarril que pasan pola Mariña ao entender que son “fundamentais” para a vertebración da comarca.

Dende a vicepresidencia non se entende que a empresa pública FEVE teña previsto reducir, a partir do mes de outubro, as dúas liñas con máis usuarios: a que sae de Ferrol ás 8:10 horas e chega a Oviedo ás 14:30 horas e a que sae de Oviedo ás 7:45 horas e chega a Ferrol ás 14:10 horas. Para Antonio Veiga, “os plans de FEVE deixarán case incomunicada á comarca; no primeiro caso porque non funcionará ningún traxecto entre Viveiro e Ribadeo ata as 12:19 horas e, no segundo, porque non haberá comunicación entre as 6:50 horas e as 14:45 horas. Acontece o mesmo coa proposta para os meses da tempada de verán, na que se contempla a supresión da liña que sae de Ferrol ás 10:30 horas e chega a Ribadeo ás 13:25 horas, así como a que sae de Ribadeo ás 14:45 horas con chegada a Ferrol ás 17:40 horas. En calquera dos casos parece que o obxectivo de FEVE é rematar cun medio de transporte de vital importancia para o desenvolvemento económico e social da Mariña, xa que un dos sectores que se verá máis afectado será o turístico”.

Veiga critica a política do Partido Popular “centrada en facer todo o contrario do que precisa a Mariña e interesa aos seus veciños e veciñas. O máis convinte para todos sería mellorar e ampliar a oferta ferroviaria e non suprimir liñas, máis cando FEVE se atopa nunha situación inmellorábel para dar saída á produción da factoría da Alcoa”.

Ante esta situación, dende a vicepresidencia da Deputación de Lugo piden aos responsables de FEVE que expliquen os motivos polos que noutras zonas do Estado, como Asturias ou Cantabria, se están reforzando os servizos ferroviarios mentres en Galiza se pensa en suprimilos.

“Os axentes sociais, económicos e políticos da Mariña debemos dar unha resposta unánime a este problema. É o momento de que todas os representantes políticos actuemos con responsabilidade e altura de miras, sacando o tema do debate partidista, porque a supresión da conexión en ferrocarril sería situar á Mariña 50 anos atrás” – concluíu Antonio Veiga.

Exit mobile version