Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa do Mar de Ribadeo acolleu o programa Sons de Mulleres, respostas á invisibilidade da muller na música

O VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN CLAUSUROU A XORNADA SONS DE MULLERES

Antonio Veiga explicou que “esta iniciativa serve para atopar respostas á invisibilidade da muller no mundo da música ofrecendo modelos positivos femininos que estimulen a participación doutras mulleres neste eido”

Profesionais da talla de Mercedes Zavala, Ugia Pedreira, Idoia Kareaga, María Xosé Silvar “Sés”, Olga Nogueira, Branca Novoneyra, Irimia Cantareiras e Alesancia formaron parte deste proxecto

Ribadeo, 13 de xullo 2012. A Casa do Mar de Ribadeo acolleu, durante todo o día de hoxe, o programa Sons de Mulleres, respostas á invisibilidade da muller na música, unha actividade que nace froito da colaboración entre a asociación cultural Musiqueando, o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo, a Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial, a EMMeD (Escola Municipal de Música e Danza) de Ribadeo, o Concello de Ribadeo, a asociación Amadores da Música e o Observatorio da Mariña pola Igualdade.

O vicepresidente do ente provincial e responsábel das áreas de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade, o nacionalista Antonio Veiga, que clausurou esta actividade, explicou que “esta iniciativa serve para atopar respostas á invisibilidade da muller no mundo da música e tender pontes de traballo para loitar por unha igualdade real e efectiva a través da oferta de modelos positivos femininos que estimulen a participación doutras mulleres na música e na danza, algo que dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoiamos e compartimos”.

Mercedes Zavala, Ugia Pedreira, Idoia Kareaga, María Xosé Silvar “Sés”, Irimia Cantareiras e Alesancia participaron nas diferentes actividades orais que se desenvolveron durante a mañá: un relatorio, unha táboa redonda e un coloquio nos que se analizou o papel da muller no eido da música tanto noutras épocas como na actualidade.

Durante a tarde desenvolvéronse dous obradoiros un sobre a música e outro sobre a danza tradicional galega, da man de Olga Nogueira e Branca Novoneyra, respectivamente; e rendeuse homenaxe ás “Meniñas de Saudade”, coa proxección do documental Saudade e retrato en si bemol, de María Acuña. Como colofón final celebrouse un concerto no que actuaron a Banda Municipal de Música, Alesancia, Irimia Cantareiras, María Xosé Silvar “Sés” e Ugia Pedreira.

Exit mobile version