Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aporta 410 mil euros a 18 concellos da provincia, para igualdade e prevención e tratamento da violencia

A XUNTA CONCEDE 410.000 EUROS AOS CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO PARA PROMOCIÓN DA IGUALDADE E PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO

 Un total de 18 municipios da provincia benefícianse este ano destas axudas, percibindo a maior contía aqueles que dispoñen de Centro de Información á Muller

 O CIM de Lugo recibe unha axuda de 43.650 euros

 A Secretaría Xeral da Igualdade realizará nos próximos días un pago anticipado ás corporacións locais do 80% das cantidades concedidas

Lugo, 17 de xullo de 2012.- Os concellos da provincia de Lugo van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 410.701 euros, para a posta en marcha de iniciativas en catro liñas de actuación: a promoción da igualdade, a prevención e tratamento da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos CIMs. Estas axudas, publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado día 9, foron presentadas esta mañá en Lugo pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola delegada territorial, Raquel Arias.

Na provincia de Lugo son beneficiarios nesta convocatoria un total de 18 concellos, que nos vindeiros días recibirán un pagamento anticipado do 80% do importe das axudas concedidas, unha medida adoptada por Igualdade considerando a delicada situación económica dos concellos, “un anticipo que facilitará, en palabras de Susana López Abella, que as entidades locais dispoñan dos recursos coa maior axilidade, nunha conxuntura na que coinciden unha maior demanda de servizos da veciñanza e a complexa situación financeira”.

Das catro liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 368.751 euros, que se distribúen 11 centros, entre eles, o CIM de Lugo obtén unha axuda de 43.650 euros. A segunda liña, por volume presupostario, é á de promoción da igualdade, que ascende a 30.855 euros, que se distribuirán 11 concellos, para programar iniciativas que van desde o desenvolvemento de actividades de coeducación, a contacontos ou a elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades. As dúas liñas restantes, de prevención da violencia de xénero e medidas de conciliación contarán en conxunto con 11.095 euros, para accións promovidas por catro concellos.

A secretaria xeral da Igualdade destacou na presentación que “a disponibilidade presupostaria fixo posible atender o 100% das solicitudes presentadas que cumprían os requisitos establecidos na convocatoria”.

O papel relevante dos concellos na difusión do valor da igualdade

Estas catro liñas de axudas aos concellos teñen unha especial relevancia no marco das actuacións da Secretaría Xeral da Igualdade, por considerar que son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal e profesional, por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica da súa poboación.

Exit mobile version