Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Persoal do Hospital da Costa denuncia prácticas irregulares na contratación de persoal

Dende a Xunta de Persoal denunciamos as prácticas irregulares postas en marcha pola Dirección de Enfermaría do Hospital da Costa para cubrir vacacións e demais ausencias do cadro de persoal, con parte do persoal fixo, a pesar de existir profesionais titulados dispoñibles nas listaxes de contratación.

A Xunta de Persoal defende o dereito de tódolos traballadores a dispoñer dun período de vacacións de un mes ao ano, dunha xornada regulada que non supere as 37,5 horas, que permita o descanso das traballadoras e traballadores entre quenda e quenda a fin de ofrecer unha atención óptima e de calidade ao igual que defendemos un salario digno pola prestación dos devanditos servizos.

O Acordo de Concertación Social recolle a liquidación económica dos excesos de xornada unicamente en situacións especiais e so para persoal eventual, non fixo, como así o explica o capítulo 2 (xornada) no seu apartado 6.

(Normas especiais sobre a liquidación de xornada do persoal eventual con prestación de servizo inferior ao ano).

No caso do persoal fixo ou interino que traballa todo o ano completo, é obriga da Dirección facer un axuste da xornada anual efectiva, e dicir que a empresa non deba ningún día ao traballador e viceversa, non tendo cabida o exceso de xornada con liquidación económica.

Como Xunta de Persoal defendemos o reparto do traballo e da riqueza e temos claro que non debemos traballar por riba da nosa xornada para incrementar os nosos salarios, nin das nosas posibilidades poñendo en risco a calidade da asistencia sanitaria.

E mais aínda cando os compañeiros e compañeiras das listaxes de contratación atópanse desempregados e engrosando as listas de paro.

Estas prácticas irregulares por parte da Dirección de Enfermería teñen como consecuencia directa:

AUMENTO DO DESEMPREGO NA COMARCA DA MARIÑA:

Dende a chegada desta Dirección, no ano 2010, a contratación de persoal foi diminuíndo ata chegar a cifras alarmantes, pasando de contratarse no ano 2009, coa anterior Xerencia, a 35 enfermeiras e enfermeiros para cubrir as ausencias por vacacións do persoal de cadro a contratarse coa Xerencia actual, a de José Insua, a tan so 13 enfermeiras para cubrir as mesmas necesidades.

Diminúe identicamente a contratación das Técnicos Auxiliares de Enfermaría, de 35 a 13 e redúcense na mesma proporción a contratación no resto de categorías.

A DISMINUCIÓN DA CALIDADE ASISTENCIAL NO NOSO HOSPITAL:

Lembramos que os recortes están a provocar a diminución de traballadores na sanidade pública ocasionando sobrecarga asistencial (o mesmo traballo repártese entre menos profesionais), menos calidade nos coidados e a “implantación” de que os acompañantes coiden forzosamente aos enfermos.

Estes recortes brutais, mal chamados reformas e axustes mingúan o dereito á saúde de toda a poboación da Mariña, algo que rexeita sen paliativos esta Xunta de Persoal.

Este é o modelo que o goberno de Feijoo promove e impulsa a través dos seus xestores no Hospital da Costa para xerar emprego e saír da crise, o modelo de non dar altas de afiliación na seguridade social, o modelo da destrución de emprego e o desmantelamento progresivo do Hospital da Costa en prol da sanidade privada.

Exit mobile version