Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xuntanza Aberta da Mariña publica as súas resolucións da asemblea de Mondeñodo

O sábado, 30 de xuño de 2012, na cidade de Mondoñedo celebrouse a IV Xuntanza Aberta na Mariña (Asemblea Constituínte) que aprobou o seguinte texto:

Principios comúns e proposta de resolución

A Xuntanza Aberta da Mariña nace co único obxectivo de pular pola creación dunha nova forza política unitaria, mais anima a todas as persoas da Mariña implicadas neste proceso a organizarse localmente para xerar masa critica nestes tempos de crise, cambios e ilusión. Convida tamén a todas as persoas boas e xenerosas a que se impliquen no proceso para que sexan protagonistas do nacemento desta nova forza política;

polo tanto:

Espallará este comunicado nas redes sociais, na prensa e nos diferentes actores que manteñen procesos abertos, para demandar unha converxencia real de cara a conformar unha nova forza política.

Esta nova forza política asentarase nunha base plural e radicalmente democrática, e ofrecerase como casa común a todos os cidadáns e cidadás de convicións galeguistas (principios inspiradores do nacionalismo contemporáneo) e transformadoras. Acollerá as achegas do soberanismo cívico, cultural, económico, enerxético e alimentar (exercicio real da soberanía popular). Centrarase no progresismo inclusivo e na esquerda renovadora.

A principal razón de ser desta nova forza é defender os intereses de Galicia no seu conxunto, propugnando un modelo económico e social sustentabél que ofreza ao conxunto da sociedade a posibilidade de acceder, en condicións de igualdade, a uns servizos básicos universais, públicos e de calidade.

A Xuntanza Aberta da Mariña non terá en ningún caso entidade xurídica, nace para desaparecer canto antes, diluída no proceso constituínte do que nos dotemos no conxunto do País.

Miguel Vizoso, Coordinador da Xuntanza Aberta na Mariña

E-mail de contacto: xuntanzaabertanamarinha@gmail.com

Para máis información: http://amarinha.blogspot.com.es

Exit mobile version