Site icon Crónica3.com A Mariña

As PEMEs de Lugo poden solicitar ata fin de mes diagnósticos integrais ou servizos avanzados de competitividade

AS PEMES DE LUGO XA PODEN SOLICITAR OS SERVIZOS AVANZADOS DO PROGRAMA RE-ACCIONA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PARA IMPULSAR A SÚA COMPETITIVIDADE

 A sede da CEL acolleu esta mañá unha xornada técnica organizada polo Igape na que se presentou a primeira convocatoria do plan, aberta ata o 31 de xullo

 Ao abeiro do Impulsa Lugo as empresas da provincia terán preferencia para acollerse a esta iniciativa

 O programa inclúe a especialización de 100 novos titulados, titorizados por expertos, na implantación das melloras nas empresas

Lugo, 17 de xullo de 2012.- As pemes de Lugo xa poden solicitar, ata o próximo 31 de xullo, os diagnósticos integrais ou os servizos avanzados de competitividade habilitados pola Xunta no marco do programa re-Acciona. Ao amparo do Impulsa Lugo, as empresas da provincia terán preferencia para acollerse a estes novos servizos que foron presentados esta mañá nun acto que se desenvolveu na sede da Escola de Negocios da CEL.

No encontro informouse sobre a primeira das convocatorias deste programa que vén de abrir a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, para que as pemes interesadas poidan solicitar os 400 diagnósticos integrais gratuítos e servizos avanzados que a Xunta de Galicia pon ao seu dispor co fin de facilitar a mellora da súa competitividade empresarial. As empresas interesadas deben solicitar estes servizo a través da páxina http://www.igape.es/reacciona.

Tal e como se explicou na xornada, a elaboración dos diagnósticos, de carácter gratuíto para as empresas, ten como obxectivo determinar cal é a situación actual da sociedade nos procesos clave do negocio, para, desta forma, mellorar a súa estratexia e facilitar a incorporación de vantaxes competitivas que aseguren a súa sustentabilidade.

Por outra parte, os servizos avanzados, que terán un custo moi reducido para as pemes solicitantes, prestan atención aos aspectos relacionados coa xestión da empresa. Desta forma, centraranse na optimización financeira e na mellora do circulante, na profesionalización da produción, no relanzamento comercial ou na mellora de control de xestión e de proceso.

Tamén se incidirá na identificación de redes de cooperación, no asesoramento para a redefinición do negocio e na mellora da imaxe e a comunicación da empresa. Ademais, estes servizos tamén axudaran aos negocios na elaboración e desenvolvemento de plans de acción, de mellora empresarial, e plans e protocolos de empresas familiares.

Para a implantación dos servizos avanzados, as empresas beneficiarias contarán coa colaboración dun bolseiro que participará na implantación do proxecto de mellora correspondente, baixo a tutela de axentes colaboradores especializados seleccionados polo Igape. Deste xeito, o programa re-Acciona vai facilitar a especialización de 100 novos titulados como expertos na implantación de melloras competitivas nas pemes.

A selección das empresas beneficiarias dos servizos avanzados farase valorando, entre outros criterios, o número de empregados, a localización, a existencia dun diagnóstico previo ou a integración dentro dun clúster constituído en Galicia.

Exit mobile version