Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo clausura os talleres de memoria nos que participaron unhas 30 persoas

Cervo clausura os talleres de memoria nos que participaron unhas 30 persoas

-O alumnado, na súa inmensa maioría mulleres, exercitaron a mente e mantivérona activa a través de diversos exercicios e xogos

Cervo, 31 de xullo de 2012-O Concello de Cervo vén de clausurar os talleres de memoria que se desenvolveron entre os meses de outubro e xullo no municipio cervense e aos que acudiron unhas 30 persoas, todas mulleres agás un home. O acto de clausura do curso tivo lugar esta fin de semana no Ecomuseo e nel estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, a edil de Cultura, Begoña Alonso e a de Xuventude, Tania González. O rexedor e as concelleiras foron as encargadas de entregar os diplomas de fin de curso ao alumnado.

O taller de memoria impartiuse en tres localizacións diferentes do municipio: na Casa da Cultura de San Ciprián; no Ecomuseo de Cervo e no centro social de Trasbar. Nel, as persoas participantes exercitaron a mente a través de exercicios de matemáticas, de lingua e ortografía, relacionados cos animais ou mesmo pasatempos. A profesora entregaba os exercicios e as alumnas completábanos para despois ser corrixidos entre todos, sempre co obxectivo de que mantivesen a mente activa e estimulasen as súas capacidades cognitivas.

O evento viviuse, segundo a edil de Servizos Sociais, como “un momento moi agradable e ameno, no que as mulleres se manifestaron moi contentas de ter participado no taller”. Un acto no que chamou a atención “a boa relación que existe entre todas as alumnas que, ademais, segundo me transmitiu a profesora, axudábanse entre elas nas clases, convertendo o taller non só nun momento para exercitar a mente, senón tamén un lugar para o encontro e a diversión”.

Pilar Armada explica tamén que as persoas participantes se interesaron pola continuidade do taller de cara ao curso que vén e manifestaron o seu desexo de seguir acudindo. A edil transmitiulles a intención do Concello de manter esta actividade “despois de comprobar ano tras ano que lles resulta moi útil e gratificante”. Porén, Armada asegura que os cervenses serán informados no seu momento para poder realizar a inscrición.

Exit mobile version