Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo debaterá os orzamentos para o ano en curso o próximo venres

Cervo acada o obxectivo de déficit cero nos orzamentos de 2012 que se debaterán no pleno do venres

-A liquidación do exercicio de 2011 tamén arroxa un resultado carente de déficit e con saldo positivo, que fala da boa saúde das arcas municipais

Cervo, 10 de xullo de 2012-O goberno de Cervo xa ten elaborados os presupostos municipais para este ano 2012, un documento que a corporación local abordará no pleno do vindeiro venres e que hoxe foi presentado aos grupos da oposición a través da comisión especial de contas. Segundo avanzou a edil de Facenda, Tania Ganzález, os orzamentos para este ano “cumpren o obxectivo de déficit cero que se lles esixe a todas as administración na Lei de Estabilidade Orzamentaria aprobada recentemente”.

Esta situación de ausencia de déficit implica “que o Concello dispón de capacidade de autofinanciamento, e polo tanto, unha previsión de capital que fai posible afrontar os pagamentos”. Unha situación “excepcional” segundo a edil de Facenda “nunha conxuntura económica tan desfavorable”.

O orzamento deste ano ascende a 7,1 millóns de euros no referente a ingresos e 6,5 millóns en canto a gastos, o que supón un superávit de 687.000 euros, motivado en boa parte pola operación de préstamo de 723.000 euros concertado para o pagamento a provedores.

En canto ao capítulo de investimentos reais, destínanse 1,7 millóns de euros, uns 372.500 máis que no exercicio anterior. Unha partida na que se atopan as consignacións para as obras da residencia-centro de día e a praza dos Campos, proxectos de pagamento plurianual e subvencionadas pola Xunta de Galicia. Tamén se inclúen investimentos en mobiliario público ou obras de reposición e de infraestruturas.

En referencia aos gastos, o executivo local mantén unha partida para subvencións e axudas que ronda a contía do exercicio anterior, situándose nos 133.000 euros. Tamén está prevista a redución de gastos de persoal en 261.000 euros, en parte provocada pola eliminación da contía para o Obradoiro de Emprego.

Tania González engade que se trata duns orzamentos “que permiten manter a calidade na prestación dos servizos, austeros, prudentes e axeitados á situación actual”, e especialmente “realistas” xa que “para a súa elaboración tomouse como referencia a liquidación de 2011, un documento que é unha radiografía da situación económica e financeira das arcas municipais e polo tanto, permite facer un orzamento máis axustado á realidade”.

Liquidación 2011

No pleno do venres vaise dar conta da liquidación do exercicio de 2011. Trátase dun documento que fala da saúde das arcas públicas a exercicio pechado, e no caso do Concello arroxa uns resultados favorables que amosan que “o esforzo do grupo de goberno para sanear e equilibrar as contas está tendo os seus resultados” explica Tania González.

Existen tres indicadores dentro da liquidación que son as máis relevantes á hora de coñecer o estado económico-financeiro dun Concello. O máis importante é o remanente de tesourería para gastos xerais, que no Concello de Cervo ten un saldo positivo de máis de 72.000 euros, aumentando en case 56.000 euros con respecto ao exercicio de 2010. A disposición deste remanente permite contar con financiamento adicional. Outra das magnitudes é o resultado orzamentario axustado, tamén con resultado favorable, de case 201.000 euros. O equilibrio das contas públicas de Cervo compróbase a través do indicador de estabilidade, que tamén ten saldo positivo e chega aos 25.000 euros, o que permite ao goberno afrontar os orzamentos sen iniciar novas operacións de endebedamento.

Reorganización do goberno

A renuncia por motivos persoais e laborais de Pilar Álvarez á súa acta de concelleira fixo necesaria a entrada no goberno local da seguinte persoa da lista coa que o PP concorreu ás últimas eleccións municipais. Neste caso, segundo a candidatura, correspóndelle a Pilar Armada, que abandona o seu posto como persoal eventual de apoio ás políticas sociais e entra no executivo local para ocupar as áreas de Obras, Educación, Servizos Sociais e Igualdade. Un trámite do que se dará conta no pleno do venres.

A atribución de competencias á nova edil levou ao alcalde a facer unha reorganización das áreas das que se ocupa cada membro do goberno. Deste xeito, o rexedor, Alfonso Villares ocuparase de Urbanismo, Réxime Interior e Novas Tecnoloxías así como a coordinación das distintas delegacións; Begoña Alonso será a edil de Medio Ambiente, Cultura, Turismo e Sanidade; José Ramón Soto levará Protección Civil, Seguridade Cidadá e Zona Rural; Yolanda Pedreira ocuparase de Deportes e Emprego e Tania González será a responsable de Facenda e Xuventude.

A supresión do posto de persoal eventual de apoio ás políticas sociais e a reorganización do goberno, que conta coa dedicación exclusiva do alcalde e tres dedicacións parciais, suporá un aforro ás Facenda local de 11.200 euros anuais en gasto político.

Taxas municipais

A corporación abordará tamén a modificación de tres ordenanzas fiscais. En primeiro lugar, establécese unha nova tarifa para a prestación do servizo do Punto de Atención á Infancia de 80 euros ao mes para media xornada e 160 euros ao mes para xornada completa en cumprimento do decreto da Consellería de Benestar Social. Outra das taxas que sufre cambios é a das escolas deportivas, que inclúe o cobro de segundas e sucesivas actividades por importe de 10 euros ao mes no caso de cidadáns empadroados en Cervo e de 12 euros ao mes en caso de non estalo.

Por último, a entrada en vigor do decreto de servizos sociais comunitarios supón a modificación da tarifa de axuda a domicilio, que se fixa en 13,84 euros/hora, aínda que esta contía poderase reducir considerablemente atendendo á capacidade económica de cada usuario, achegando a administración o importe necesario. En todas as ordenanzas mencionadas a contribución total das familias é moi inferior ao custo total da prestación do servizo.

Exit mobile version