Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Burela e S.C. Ledicia promocionarán a Feira do Bonito en Medina del Campo a fin de semana

CONCELLO E LEDICIA PROMOCIONARÁN ESTA FIN DE SEMANA EN MEDINA DEL CAMPO A FEIRA DO BONITO E PRODUART. MAÑÁ HABERÁ UNHA RECEPCIÓN NESE CONCELLO VALLISOLETANO.

Burela, 13 de xullo de 2012. Concello e Sociedade Cultural Ledicia promocionarán esta fin de semana en Medina del Campo a feira do bonito de Burela.

Mañá ás 11 horas o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, asistirá no Ayuntamiento de Medina del Campo, á recepción oficial que presidirá a alcaldesa, Teresa López. En nome de Ledicia estará neste acto Jesús San José, ex directivo hai algún tempo deste colectivo que reside na zona.

Xa pola tarde na praza principal de Medina del Campo a partires das 20 horas terá lugar unha pequena feira do bonito. Segundo explica Rocío Rivera “alí imos asar bonito tanto o sábado pola tarde, coma o domingo pola mañá, para que os veciños de Medina del Campo o poidan degustar tal e como se preparará en Burela a primeira fin de semana de agosto”. Desde Burela desprazaránse 8 persoas para preparar o bonito que se servirá en Medina del Campo, ademáis do grupo de baile e música de Ledicia, que forman 30 persoas.

Rivera lembra que “todos os anos intentamos promocionar o bonito de Burela noutros puntos da xeografía galega e española. O ano pasado quedamos máis cerca de aquí e neste 2012 viaxamos ata Medina del Campo”.

O rexedor dixo que “a finalidade de que vaiamos a Medina del Campo é ensinar a feira do bonito e tamén Produart, e tentar captar turismo hacia Burela por un lado e por outro promocionar o bonito do noso porto. Son dous obxectivos que van unidos e perfectamente compatibles”. González Barcia considera que “esta promoción en Medina del Campo é unha actividade importante, pensamos que o Concello, a Fundación Expomar e a Sociedade Cultural Ledicia debemos ir collidos da man porque temos un obxectivo común que é a promoción da nosa vila e dos seus productos. Esperamos e confiamos en que o acto que alí imos desenvolver sexa un éxito, e que viaxen a Burela moitas persoas desde Medina del Campo. Que saiban que aquí os imos acoller cos brazos abertos”.

Exit mobile version