Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Cervo e Fundación Alcoa remataron a restauración do muíño O Rabeno en San Román de Vilaestrofe

O Concello e a Fundación Alcoa dan a coñecer o muíño restaurado de San Román de Vilaestrofe

-A actuación consistiu na reparación dos muros, a consolidación da cuberta e a restauración das engrenaxes e mecanismos do muíño

Cervo, 17 de xullo de 2012-O concello de Cervo amplía o seu patrimonio cultural e etnolóxico coa recuperación e posta en valor do muíño “O Rabeno”, situado na parroquia de San Román de Vilaestrofe e movido polas augas do río Xunco. O resultado do proxecto de restauración deuse a coñecer esta tarde nun acto de presentación ao que acudiron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, membros do goberno local, o director xeral de Alcoa Primario España, Rubén Bartolomé e representantes doutras entidades colaboradoras. Unha actuación financiada pola Fundación Alcoa, cun orzamento duns 18.000 euros, que contou co apoio do Concello de Cervo, así como a implicación da Mancomunidade da Mariña Occidental e a Asociación de Mulleres Rurais “As Espalladoras”.

A recuperación do muíño incluíu numerosas e minuciosas tarefas, comezando pola consolidación dos muros de granito e a reparación e reposición de pedras. Tamén se realizaron traballos na cuberta, tanto na estrutura de madeira, que foi saneada e tratada, como na parte superior, que conta cunha lámina protectora e un tellado de lousa. Ao mesmo tempo, restauráronse os elementos singulares desta construción, como o mecanismo do muíño, no que se realizou unha reparación mecánica; ou os elementos de madeira, incluíndo a porta de acceso.

Unha actuación de recuperación “completa” que permite á veciñanza, así como a visitantes e turistas, “contemplar no seu esplendor unha peza histórica que forma parte da riqueza patrimonial de Cervo”, tal e como explica Villares e que a partir de agora “constitúe un atractivo turístico máis do interior de Cervo, que se une á beleza paisaxística e natural do rural cervense para constituír unha zona con moitas posibilidades”.

O alcalde aproveitou a ocasión para agradecer á Fundación Alcoa “a súa preocupación e o seu interese” por recuperar este muíño, “unha construción cunha forte compoñente cultural e etnolóxica, que fala das nosas tradicións” e ao mesmo tempo “lémbranos que estamos nun municipio moi vinculado á auga, debuxado polos ríos Xunco e Covo”. Villares rematou convidando “tanto á veciñanza como aos nosos visitantes a achegarse ata este muíño posto en valor con rigorosidade histórica e atendendo ás súas características orixinais”.

Exit mobile version