Site icon Crónica3.com A Mariña

Creóuse un grupo de traballo no Concello de Burela para perfilar actividades da Festa Castrexa do vindeiro ano

HOXE CREÓUSE UN GRUPO DE TRABALLO NO CONCELLO PARA PREPARAR AS ACTIVIDADES CULTURAIS QUE SE DESENVOLVERÁN O VINDEIRO ANO ENTORNO Á FESTA CASTREXA.

Burela, 30 de xullo de 2012. Esta mañá creóuse un grupo de traballo no Concello de Burela para perfilar as actividades culturais que desenvolverán o vindeiro ano entorno á festa castrexa. Á xuntanza asistiron o alcalde, José Mª González Barcia, e a concelleira de Cultura, Mónica Pedre.

O rexedor lembrou que “xa cando se celebrou a festa castrexa falando con ACIA Burela entendíamos que non estaría de máis, senón todo o contrario, potenciar a parte cultural da festa castrexa. E a nós ocurríusenos a idea de ir configurando unha especie de seminario de estudios, unha semana de estudios históricos ou unhas xornadas de análises históricos vinculados con Burela coa tradición castrexa e con outros posibles temas que puidesen ir xurdindo”.

González Barcia relatou que “para plantexar esta posibilidade tivemos esta mañá unha xuntanza no Concello con persoas que son profesionais da historia: Aurelia Balseiro, Herminia Pernas e Bríxida Pino e se incorporará tamén Emilia García e algunha persoa máis. No que quedamos foi en poñer en marcha un grupo de traballo para configurar o aspecto cultural da festa castrexa, atendendo fundamentalmente a que nestes primeiros anos haberá que centrarse na promoción e divulgación de todo o que ten que ver coa sociedade, coa cultura e coa relixión castrexa co obxectivo de darlle un sentido cultural a esta festa, que foi todo un éxito”. O equipo de goberno está disposto a colaborar con ACIA Burela en todo o que poida e a configurar unha fin de semana que poida atraer xente.

O alcalde engadiu que “á volta do verán, aló polo outono, haberá unha próxima reunión na que empezaremos a sentar as bases do que queremos que sexa o aspecto cultural da festa castrexa do vindeiro ano. Hoxe foi unha primeira toma de contacto, as persoas asistentes estamos de acordo nas ideas que nos plantexamos e despois do verán poñerémonos a traballar e teremos perfectamente informados aos membros da asociación de comerciantes dos pasos que se vaian dando”.

Exit mobile version