Site icon Crónica3.com A Mariña

O peche hispano brasileiro Purao despídese do CD Burela FS Pescados Rubén despois de catro tempadas

PURAO: ‘LEVAREI ESTE CLUB, VILA E AFECCIÓN NO CORAZÓN TODA A MIÑA VIDA’

Despois de catro intensísimas e emocionantes tempadas, o peche hispano-brasileiro Anderson de Almeida, Purao (Sao Paulo, 1975), despídese do CD Burela FS Pescados Rubén, co que rematou contrato en xuño, e de España para emprender novos proxectos. “Na vida deportiva hai ciclos e o meu en Burela rematou pero levarei este club, esta vila e esta afección no corazón toda a miña vida. Foi unha decisión dura porque en Burela tiven a miña casa e cando un se vai da casa sempre é difícil”, explicou o xogador.

Xa dende a súa terra natal, Purao trasladou os seus mellores desexos á escuadra burelista no seu novo periplo: “Deséxolle ao club e á mellor afección de España o mellor que poida existir. Coñecín e vivín o esforzo que se realiza tempada tras tempada para que o proxecto do Burela FS siga adiante; a súa estrutura e afección merecen gozar da Primeira División”.

“Seremos pataqueiros toda a nosa vida. Estaremos no Brasil acompañando os partidos e imaxinando Vista Alegre cheo e A Pataca Naranxa apoiando de comezo a fin, coma sempre”, así se quixo despedir Purao, agradecendo ademais “todo o cariño e atención que tiveron coa miña familia e comigo directiva, compañeiros e todos os burelaos”.

Anderson de Almeida recalou nas filas burelistas en 2008-09, procedente do Forma Cáceres 2016 de Prata, para converterse nunha das voces máis respectadas do vestiario laranxa, con ampla experiencia na elite, e dedicar catro apaixonantes loitas polo ascenso. Despois de equipos como Faci Spiritu Santo ou Carlos Barbosa no Brasil, Purao chegou a España para debutar no honorable Café Dry de Torrejón en 2000. Sete tempadas na Primeira División, a incursión no afamado Dinamo de Moscova (2003-04) e a oportunidade de ser internacional coa Vermella construíron un xogador sólido e compacto, un xogador impecable.

No final deste ciclo, a familia laranxa agradece os anos de dedicación, a coraxe e a profesionalidade de Purao e deséxalle a mellor das fortunas.

Exit mobile version