Feijoo leva ao desastre económico e social á Mariña de Lugo
Dende xuño de 2009 o paro rexistrado incrementouse o 52% na comarca mentres nese mesmo tempo medraba un 38% no conxunto de Galiza e un 32% no Estado.
Se observamos a EPA , que reflicte de xeito máis fiable o drama do paro, os datos aínda son máis arrepiantes. Na provincia de Lugo o incremento da taxa de paro dende o 1º trimestre de 2009 ao 1º trimestre de 2012 é do 74,9%, no conxunto de Galiza é do 65,1% e no Estado do 40,78%.
Todo isto ben acompañado de perda de poboación e de emigración de xente nova da nosa comarca por falta de futuro e de expectativas paro poder desenvolver un proxecto de vida na Mariña.
Os fríos datos estatísticos esconden terribles realidades persoais ás que as políticas sen alma dos gobernantes do PP responden con duros e contínuos recortes que provocan depresión económica, o deterioro dos servizos públicos e o abandono das políticas sociais.
Os nosos sectores produtivos, as nosas empresas e os servizos públicos básicos están a sofrir as consecuencias dos recortes, as consecuencias das fracasadas medidas aplicadas despiadadamente polo PP.
Os traballadores da Cerámica de Sargadelos, Gres Burela , Construcións Mon, Aglomerados ECAR, Mobles Hermida e dun rosario de pequenas empresas e comercios están a sofrir as consecuencias dunha recesión económica que irá a maiores como consecuencia da paralización do consumo das familias e das reducións salariais.
A incertidume sobre a continuidade de Alcoa é unha nova ameaza para o futuro da Mariña se os gobernos do PP en Galiza e en Madrid non aproban unha tarifa eléctrica máis baixa e se non se reactiva a construción do gasoducto. Condicións imprescindibles para garantir o futuro dunha empresa vital para a Mariña e para os milleiros de empregos directos e indirectos que xera.
O declive económico acentúase ata límites imposibles de aceptar e, ou somos quen de mudar as políticas económicas que nos levaron a esta situación, ou a vida da maioría da xente das nosas vilas empeorará e fará imposible un futuro para a comarca.
As novas imposicións antidemocráticas como a subida do IVE, os recortes nas pensións, nas prestacións por desemprego, nos salarios dos traballadores públicos, na sanidade, no ensino, na dependencia e nos servizos sociais non farán máis que aumentar a crise, as desigualdades sociais e castigar ás persoas máis vulnerables.
Nunca a Mariña estivo peor. Ante a peor crise dende hai decenios existe un goberno galego incapaz que non ofrece solucións nin esperanzas.
O PP impón sacrificios enormes á inmensa maioría da poboación e consinte o fraude fiscal dos máis ricos, dos verdadeiros causantes da crise. Permite a impunidade dos que deixaron buratos negros nas caixas galegas, dos que estafaron a milleiros de aforradores galegos coas preferentes e que están tan tranquilos nas súas casas con indemnizacións supermillonarias.
Necesitamos un goberno que traballe para os cidadáns, que poña en práctica planos de industrialización e desenvolvemento económico cribles e efectivos. Que poña todos os recursos con que conta ao servizo das persoas e non dos mercados.
Debemos esixir solucións xustas e actuacións efectivas xa. Basta de propaganda como o Plan Impulsa Lugo, basta xa dos enganos dos que ían acabar co paro en 45 días, dos que dicían que con tal de chegar eles ao poder xa todo estaba solucionado.
É imperioso rachar con estas políticas e facelo xa. As alternativas piden paso: Banca Pública Galega, novo Banco Central Europeo, reforma fiscal integral, desaparición das Deputacións…
* Manuel Parga Núñez (Deputado do BNG no Parlamento de Galiza)