Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 200 lucenses redescobren co programa Km0 os concellos de Meira, Ribadeo, Monforte, Sober e O Vicedo

Máis de 200 lucenses redescobren esta semana no programa Km0 os Concellos de Meira, Ribadeo, Monforte, Sober e O Vicedo

– As catro rutas organizadas no marco do proxecto medioambiental da Deputación dinamizarán a actividade hostaleira e comercial destes municipios

– O Deputado de Cooperación recibiu este martes ó primeiro grupo da semana, 48 persoas anotadas de xeito individual, que fixeron o itinerario O Pedregal

Máis de 200 veciños da provincia redescubrirán os Concellos de Meira, Ribadeo, Monforte, Sober e O Vicedo nas catro rutas organizadas para esta semana no marco do programa Km0 impulsado pola Deputación para potenciar a economía medioambiental e o turismo interior. Este proxecto, que leva en marcha dende hai tres anos e medio, beneficia a actividade das súas 250 empresas colaboradoras, sobre todo PEMES e autónomos, que dan emprego directo a case 1.400 persoas. Os itinerarios, que terán lugar hoxe, o mércores, o xoves e o sábado, dinamizarán a actividade hostaleira e comercial dos municipios polos que discorren, xa que os participantes farán paradas e percorrerán as diferentes localidades.

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, recibiu este martes ó primeiro grupo da semana, 48 persoas anotadas de xeito individual, que fixeron a ruta O Pedregal. Trala recepción, no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos, achegáronse ó Castro de Viladonga. A comida tivo lugar na Casa Cazoleiro de Meira, para máis tarde visitar o nacemento do río Miño en Pedregal de Irimia, o Mosteiro de Santa María, e rematar esta ruta cunha visita á área recreativa de Fonmiñá.

Mañá mércores haberá outra cita. A ruta Ría de Ribadeo, que demandaron 55 membros da Asociación Cultural Abrente das Nogais. O grupo visitará o Centro Interpretación Terras do Miño, no paseo lucense do Rato, ó saír da Deputación. Logo, achegarase ó Restaurante Forno Ponte dos Santos en Ribadeo para comer, e xa pola tarde fará unha travesía en barco. Completa esta ruta unha subida no ascensor panorámico de Porcillán e unha visita ó casco histórico e ó Mosteiro das Clarisas.

A programación desta segunda semana de xullo continúa o xoves co traxecto Catamarán por Amandi, do que gozarán 48 membros da Asociación de Sabadelle de Chantada. Visitarán, en primeiro lugar, o Centro de Interpretación Terras do Miño e comerán no restaurante Ribeira Sacra de Monforte para logo facer unha ruta de sendeirismo hasta Pena do Castelo. Por último, embarcarán tamén en catamarán para gozar dunha travesía por Amandi.

O sábado haberá unha nova ruta do recén estreado Km0 Fin de Semana. Será a de Illa Coelleira e dela gozarán 55 membros da Asociación Cultural de Castro Rei. O colectivo dará un paseo polos Robles e logo embarcará en catamarán. A comida terá lugar en Area Grande para percorrer pola tarde a praia do mesmo nome. Unha visita á Estaca de Bares e á Illa Coelleira completan este traxecto. Por último, gozarán dun paseo polo porto do Vicedo.

Inscrición rápida e sinxela

Todos os interesados en participar en Km0 ou Km0 Fin de Semana poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.

Exit mobile version