GONZÁLEZ BARCIA AGARDA QUE A VINDEIRA FIN DE SEMANA BURELA SEXA O CENTRO NEURÁLXICO DA VIDA SOCIOCULTURAL DA COMARCA DA MARIÑA. A FESTA DO BONITO E PRODUART FORON PRESENTADAS ESTE MEDIODÍA EN LUGO.
O rexedor sinalou que “o obxectivo desta presentación en Lugo é achegar á cidadanía da comarca centro as bondades de vir a Burela a primeira fin de semana de agosto. Sociedade Cultural Ledicia organizando a festa do bonito, a Fundación Expomar organizando Produart, a confraría de pescadores, Armadores de Burela, o propio Concello, creo que entre todos fumos capaces de configurar unha primeira fin de semana do mes de agosto realmente atractiva”. González Barcia dixo que “é bó achegarse á capital lucense para nos tempos nos que estamos tentar explicarlle á xente desa zona as bondades de Burela, as actividades das que poden disfrutar a vindeira fin de semana e tamén durante o resto do ano. O que tentamos facer é divulgación, promoción e captación turística”.
O alcalde de Burela lembrou que “non é a primeira vez que se fai a presentación diante dos medios informativos de Lugo, xa se fixo o ano pasado, se fixo nun establecemento hostaleiro que nos cede gratuitamente as súas instalacións, a Parrillada de Antonio, á que lle agradecemos a súa colaboración porque dunha forma directa tamén está a colaborar na promoción da festa do bonito e de Produart”.
González Barcia pensa que “por este camiño é polo que hai ir. Esta senda xa se iniciou hai tempo. Lembro as presentacións que se fixeron na miña anterior etapa como alcalde en Arévalo, este ano fumos a Medina del Campo, daquela fixéronse presentacións en Santiago de Compostela e en Ferrol. Trátase de ir abrindo camiño porque o traballo de potenciación do sector turístico e de divulgación dun produto coma o bonito non é cuestión só dun ano, é cuestión de moitos anos de traballo e de colaboración entre as empresas, as institucións e os colectivos implicados na dinamización e potenciación turística”.
O rexedor burelés agarda que “esta primeira fin de semana de agosto Burela sexa o centro neurálxico da vida sociocultural da comarca da Mariña lucense, tanto desde o punto de vista gastronómico e desde outro punto de vista máis lúdico. Agardo e confío que os resultados irán aparecendo máis do que xa aparecen, porque a día de hoxe esta fin de semana está consolidada, pero o que fixemos foi darlle máis difusión e máis divulgación para tentar captar canta máis xente mellor, sobre todo nos momentos que a nivel económico estamos a vivir”.