Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo valora o esforzo da comisión das festas do Carme de San Cibrao

O Concello agradece á comisión das festas do Carme o seu esforzo e valora positivamente o resultado

-Para o alcalde, resulta unha “proeza” organizar uns festexos de calidade e con boa acollida en tempos difíciles

Cervo, 18 de xullo de 2012-O Concello de Cervo fixo público o seu agradecemento á comisión organizadora das festas do Carme por conseguir “un programa completo, cargado de actividades pensadas para públicos moi variados e que foi un éxito de participación”, asegura o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

Deste xeito, o Concello fai un balance moi positivo do desenvolvemento dos festexos patronais de San Ciprián, “nos que se respirou un ambiente festivo moi propicio, e as rúas estiveron ateigadas de xente, especialmente a praza dos Campos, onde se concentraron boa parte das actividades e que serviu de escenario de luxo para un programa excepción”. Ademais, “non houbo que lamentar incidentes destacables, polo que a valoración final non pode ser máis que positiva” engade o rexedor.

Segundo Villares, “é toda unha proeza organizar unhas festas de calidade na difícil situación na que nos atopamos”, porque “os esforzos e o traballo multiplícanse”. Ao mesmo tempo, “o mérito tamén é máis grande, e as felicitacións e recoñecementos son máis que necesarios”. O rexedor fixo extensible o seu agradecemento a “todas as asociacións, entidades e particulares que poñen empeño, interese e incluso achegas en beneficio do municipio e da súa veciñanza, xa sexa na organización dunhas festas ou calquera outra actividade ou actuación”.

Porén, o mandatario cervense lamenta “que haxa quen non saiba apreciar o que con tanto agarimo nos ofreceu a comisión de festas”, referíndose ás declaracións dos socialistas sobre o programa de celebracións dos festexos do Carme.

Villares asegura non entender as críticas “a unhas festas que teñen detrás un inmenso esforzo e a dedicación de moitos veciños e veciñas que aman o seu pobo e as súas tradicións”, e quizais “esas persoas que falan dende fóra terían que implicarse na organización dun programa de festexos para experimentar todo o traballo que hai detrás”.

Exit mobile version