Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ao PP de tentar desmobilizar á cidadanía mariñá

O BNG ACUSA AO PP DE TENTAR DESMOBILIZAR Á CIDADANÍA MARIÑÁ FARTA DAS PROMESAS INCUMPRIDAS DE QUEN DENDE FAI TRES ANOS É O PRINCIPAL RESPONSÁBEL DA DEMOLICIÓN DA ESTRUTURA INDUSTRIAL DA MARIÑA E O INCREMENTO NO 52% DO DESEMPREGO NA COMARCA

Veiga explica as declaracións de Balseiro á vista das dificultades deste señor para a compresión oral e escrita e tamén atendendo á urticaria que lle ten á cultura

Os nacionalistas darán hoxe saída á campaña “Futuro para A Mariña” porque cómpre dar solucións ao desmantelamento económico e industrial dunha comarca que ate fai ben pouco era das mais dinámicas do país

A Mariña, 5 de xullo de 2012. O BNG dará hoxe en Viveiro o disparo de saída á campaña “Futuro para A Mariña” con diferentes actividades e actos explicativos da grave situación que se está a vivir na comarca co desmantelamento do seu tecido económico e industrial como demostra o feito de que dende fai tres anos o incremento do desemprego chegou ao 52% e con numerosas empresas, algunha delas fundamentais na estrutura económica da comarca, botara xa o peche ou estean afectadas por EREs de extinción e procesos concursais que levaron ao drama do desemprego a centos de familias mariñás. Os nacionalistas suman a isto a delicada situación que vive o pequeno comercio e a ameaza que pesa sobre o mantemento da multinacional Alcoa e todo o movemento en termos económicos e de emprego que esta xera, segundo os nacionalistas nin a Xunta de Galiza nin o goberno do Estado reaccionan aportando alternativas para a comarca, mais alá da propaganda sen contido do Plan Impulsa Lugo ou a política do avestruz do PP en Santiago e en Madrid cando lles toca dar a cara para garantir os postos de traballo e a viabilidade da empresa alumineira Alcoa. Os nacionalistas aproveitaron para aconsellar a Balseiro a lectura dalgún libro de cando en vez, porque non roen, e así aprendería que con cultura tamén se reivindican dereitos aínda que el das dúas cousas, saiba mais ben pouco.

Os nacionalistas inician hoxe a campaña “Futuro para A Mariña” que compaxinará actos sociais e reivindicativos con traballo institucional na busca de solucións para a comarca.

Antonio Veiga afirmou que coa campaña “Futuro para a mariña” o BNG “estará presente nas rúas e nas institucións coa intención de sensibilizar e buscar solucións para unha comarca golpeada con dureza polo desemprego e a ausencia de alternativas para a dinamización económica e o emprego das administracións galega e estatal”. O nacionalista insistiu en que coa chegada de Feijoo ao goberno da Xunta fai tres anos “chegou tamén a piqueta de demolición do tecido económico e do emprego na Mariña, e fai seis meses, coa chegada de Rajoy, chegou a trituradora para rematar o traballo con recortes nos dereitos sociais e laborais dunha dureza descoñecida nas últimas décadas”.

O responsábel Comarcal dos nacionalistas puntualizou que a campaña do BNG non vai rematar cos días 5 e 6 de xullo en Viveiro, nos que se inclúen actos culturais, informativos e de lecer; “seguiremos co debate das mocións nos diferentes concellos e sairemos á rúa para identificar aos responsábeis desta desfeita e aportar as nosas solucións que dende logo non farán pagar aos inocentes a factura dunha crise que non provocaron”.

Antonio Veiga afirmou que a cidadanía mariñá non debe ficar parada diante do desmantelamento industrial e económico da comarca e lembroulle ao Partido Popular que “fai tres anos o Sr. Feijoo ia de campión do das solucións pero converteuse nunha máquina de destrución masiva do emprego e da dinamización económica” co resultado dun 52% mais de paro na comarca e empresas como Sargadelos, ECAR, Gres Burela, Construcións Mon, Mobles Hermida e outras de igual ou menor tamaño pechadas ou con importantes problemas de subsistencia froito da parálise e incapacidade do goberno do Sr. Feijoo.

Balseiro tenlle urticaria á cultura.

Por todo isto o BNG demanda solucións e futuro para unha comarca que foi e debe seguir sendo punteira polo seu dinamismo económico, neste sentido – Antonio Veiga – “advertiu dos intentos do PP por desmobilizar á sociedade para que aguante en silencio a tormenta que ven enriba”. O nacionalista aproveitou para contestar as críticas de “fala barato dalgún deputado popular que fai pouco andaba de incendiario e agora non solta a mangueira para apagar a incompetencia do seu partido”. “Non nos estrañan as declaracións de Balseiro á vista das súas dificultades para a compresión oral e escrita e tamén atendendo á urticaria que lle produce todo aquilo que ten a ver coa cultura. En todo caso estamos dispostos a pór desde o BNG á súa disposición un militante da nosa organización para clases de reforzo á lectura e tamén regalarlle un lote de libros se se compromete polo menos a ler un deles” indicou Veiga.

Exit mobile version