Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG anuncia que votará en contra os orzamentos municipais de Cervo que chegan tarde e sen novidades

Os orzamentos de Cervo para 2012 chegan tarde e sen novidades con respecto a 2011 ao marxe do importante incremento da recadación froito de importantes subas nas taxas municipais.

O BNG anunciou voto en contra e a presentación de emendas aos orzamentos, entre outras que o grupo de goberno renuncie á paga de nadal como o seu partido esixe aos funcionarios.

O goberno local nin xestiona nin se aplica o conto do recorte e a austeridade

Cervo, 13 de xullo de 2012. O BNG de Cervo analizou hoxe os orzamentos 2012 cualificando o documento que chega tarde, é continuísta e sen novidades con respecto a 2011, coa única diferenza do importante incremento da presión fiscal e no custe de servizos municipais froito da creación e modificación de ordenanzas fiscais que nalgúns casos, avanzan, serán moi difíciles de asumir por unha parte da cidadanía por mor da crise económica. Para os nacionalistas o goberno municipal de Villares é un auténtico fracaso xa que nin cumpre os seus compromisos, nin xestionou absolutamente nada dende a toma de posesión fai un ano e pretende cargar sobre a cidadanía os custes da súa mala xestión económica sen asumir nin sequera unha parte do esforzo que se lle esixe aos veciños e veciñas do concello.

O 30% orzamento de ingresos para 2012 é son obras xa executadas, a residencia e o crédito para o pago a provedores.

O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, avanzou o voto en contra do BNG aos orzamentos 2012 ao consideralos “unha imaxe fiel do fracaso do goberno municipal de Villares que dende fai un ano non xestionou nada novo como demostra o feito de que o 30% do orzamento de ingresos para 2012 sexan actuacións xa rematadas, iniciadas o crédito para pagar a provedores que deberían ter cobrado fai moito tempo”. Dentro deste 30% está a Praza dos Campos xa rematada na súa totalidade, A Residencia da Terceira Idade en execución dende fai dous anos e o crédito para o pago a provedores que hai que devolver.

Na mesma liña, o portavoz nacionalista explicou que no apartado do gasto, o 85% dos investimentos reais en Cervo incluídos no anexo de investimentos son as actuacións xa mencionadas – Praza dos Campos e Residencia – “polo que nada novo dende fai un ano a pesar dos amigos dos que tanto presume o Sr. Villares en Santiago e Madrid”.

O PP aumenta o prezo dos servizos e a presión fiscal xusto cando debería relaxala sobre as economías domésticas castigadas pola crise e o desemprego.

Para Estúa o goberno municipal “vai co paso cambiado”, en época de bonanza económica conxelou a presión fiscal e faino agora cargando sempre na mesma dirección: sobre as maiorías sociais que deberán pagar fortísimos incrementos en taxas por servizos sociais, escolas deportivas ou PAI, con aumentos na recadación de mais do 200% que serán difíciles de soportar para moitos. O nacionalista para exemplificar a presión do concello sobre a cidadanía fixo mención ao incremento nun 19% na recadación por taxas prevista no orzamento en relación a 2011, “e isto as pesar do parón económico e as dificultades que están a pasar moitas familias” polo que criticou a “frialdade e falta de sensibilidade social dos populares” que seguen fielmente a liña que marca o partido, “duros contra a maioría social pero débil, sumisos e servizais cos poderosos”.

O BNG anunciou a presentación de emendas aos orzamentos, entre outras que o grupo de goberno renuncie á paga de nadal como o seu partido esixe aos funcionarios.

Estúa anunciou que o BNG presentará emendas de corrección aos orzamentos para 2012, por unha banda pedirá recortes en gastos de propaganda e protocolo – 48.000 euros – e a renuncia dos tres membros do grupo de goberno á paga extra de nadal, “como o seu partido lles esixe aos funcionarios”, e o cumprimento do acordo de xullo de 2011 sobre a periodicidade das sesións das Xuntas de Goberno, “multiplicadas por dous para beneficiar economicamente a dúas concelleiras do goberno”, o nacionalista explicou que si o PP acepta esta proposta o concello contaría con fondos adicionais para políticas sociais por importe de 55.000 euros.

A Tania González, Concelleira de Facenda, recoméndanlle que cumpra co seu deber e saque os orzamentos a tempo e non con sete de retraso

Estúa aproveitou para contestar as críticas da Concelleira de Facenda, Tania González, a quen lle aconsellou que cumpra co seu deber xa que os orzamentos anuais “levan sete meses de retraso e isto é incomprensíbel nun goberno que goza de maioría absoluta”, ademais “recomendoulle silencio porque ela é unha das beneficiadas da multiplicación por dous das sesións das Xuntas de goberno”, das 24 Xuntas de Goberno que se tiñan que celebrar neste ano, a primeiros de xuño xa celebraron 41, que a ela lle supuxeron a 150 euros a sesión, 6.000 euros, 2.500 mais dos previstos inicialmente cuns ingresos de acordo co tempo medio de duración das sesións de 253 euros a hora.

Exit mobile version