O BNG CELEBRA MAÑÁ EN BARREIROS A SÚA VII MANIFESTA DA PATRIA GALEGA.
A xornada comezará ás 14 horas e desenvolverase no Santo Estevo do Ermo e haberá xantar, intervencións políticas e música.
Barreiros, 21 de Xullo de 2012. O BNG continúa cos actos que conmemoran o Día da Patria Galega que se celebra o vindeiro 25 de Xullo. Nesta ocasión, organizan mañá domingo ás 14 horas a sétima edición da Manifesta da Patria Galega. Unha xornada lúdico-reivindicativa na que se pretende conmemorar o Día da Patria Galega ao mesmo tempo que serve como quentamento para a manifestación que se celebrará o 25 en Compostela.
Segundo Belén Fernández, responsábel do BNG en Barreiros, “esta cita é xa un clásico no calendario das e dos nacionalistas barreirenses e do resto da comarca. É unha xornada na que se mestura festa e reivindicación. Nesta edición decidimos retornar ao Santo Estevo do Ermo, un lugar emblemático do noso concello que precisa de atención e coidados para converterse nun referente natural en Barreiros.”
Pero ademais, continúa a responsábel nacionalista, “é evidente que estamos nun momento no que é máis preciso ca nunca respostar con firmeza ás medidas que se están tomando e que perxudican ás maiorías sociais para favorecer ao grande capital e, nomeadamente, á banca. Por esta razón temos que facer do día da Patria Galega un día de loita, un día de festa pero con un marcadísimo carácter reivindicativo: porque o BNG está do lado das maiorías sociais. Antes son as persoas e os pobos que os mercados financeiros”
Neste sentido, desde o BNG de Barreiros, animan ás veciñas e veciños a compartir con eles a xornada do domingo no Santo Estevo do Ermo e tamén a acudir á manifestación do 25 de Xullo en Compostela, que sairá ás 12 horas da Alameda.