Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG celebra o Dia da Patria en Foz coa Festa do Chicharro Lañado

O BNG CELEBRA O DIA DA PATRIA EN FOZ ESTE SÁBADO DIA 21 COA FESTA DO CHICHARRO LAÑADO

A festa pretende reivindicar o apoio aos sectores produtivos galegos tradicionais como a pesca ou o agro

Foz a 17 de xullo de 2012.- Este sábado, 21 de xullo, o Bloque Nacionalista Galego vai celebrar en Foz a XIX edición da súa tradicional Festa da Patria, dentro do conxunto de actos que os nacionalistas realizan na comarca da Mariña durante este mes para celebrar o Día da Patria Galega, que é o 25 de xullo.

Ao igual que noutras ocasións a romaría celebrarase na explanada do Porto, xunto á lonxa, e dará comezo a partir das sete da tarde, contando neste acto coa participación dos grupos de música tradicional de “A Subela” e máis de “O Feitizo” que animaran desde primeiras horas a festa.

Como xa ven sendo habitual desde hai anos, o prato forte desta xornada festivo – reivindicativa o BNG de Foz vai preparar máis de 1.000 racións de chicharro lañado con cachelos, xunto a liscos e chourizos. Non é casual que os nacionalistas aposten polo chicharro lañado, posto que se trata dun prato característico da dieta do cantábrico galego, así como polas significacións que o chicharro ten para o conxunto dos focegos e da xente da comarca. Non debemos esquecer que o chicharro foi o principal sostén alimentario da mariña costeira nos anos da posguerra. Porén a nosa aposta polo chicharro lañado responde a poñer en valor a especificade da nosa dieta no plano gastronómico.

Asemade, esta aposta polo chicharro lañado, pesquería na que destacan aínda hoxe as nosas tarrafas do cerco, ten moito haber coa recuperación do noso pasado mariñeiro e a posta en valor dun produto do mar tan característico da nosa zona. Mais o vencello do chicharro con produtos da terra como o touciño e os chourizos tamén simboliza en boa medida o que é Foz como mestura de mar e terra. O feito de que esta xornada coincida cun momento de fonda crise económica que está a provocar graves consecuencias no sector primario, nomeadamente no agro e na pesca, dálle unha especial significación, polo que pretende ser tamén unha xornada reivindicativa en apoio de dous sectores produtivos centrais da nosa economía.

O feito de que esta xornada se manteña ao longo destes dezanove anos evidencia que se trata dunha festa de todos os veciños e veciñas de Foz e da Mariña e así se explica a implicación de todo o pobo, xa non só na xornada festiva senón na preparación da festa gastronómica. Tanto é así que o BNG quere agradecer por adiantado a todas aquelas persoas que colaboran con nós lañando o peixe así como aqueloutros que colaboran asando o chicharro.

Xa por último, o BNG quere convidar a todos os veciños de Foz e da Mariña a acudir a explanada do Porto o vindeiro Sábado, 21 de xullo a partir das 19:00 horas a degustar chicharro lañado e a celebrar con nós esta tradicional romaría do verán focego.

Exit mobile version