Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG convoca unha manifestación en Burela en defensa do ferrocarril da costa

O BNG CONVOCA A POBOACIÓN DA MARIÑA A MOBILIZARSE EN BURELA O 5 DE AGOSTO EN DEFENSA DO FERROCARRIL DA COSTA.

O paro aumentou en Lugo no segundo trimestre un 11,3% mentres en Galiza faino nun 3,89%.
Nos últimos tres anos a destrución de emprego en Lugo situase arredor do 95%.
Veiga denuncia que o feche de liñas de FEVE pretende o desmantelamento do ferrocarril da costa.

A Mariña, 28 de Xullo de 2012. O Consello Comarcal do Bloque Nacionalista Galego celebrou na tarde de onte unha xunta extraordinaria do seu Consello Comarcal a fin de analizar as repercusións que na Comarca vai ter a redución de liñas de ferrocarril así como as medidas que no plano institucional e social van tomar os nacionalistas a fin de manter un servizo de transporte que consideran fundamental para a vertebración da Comarca e que na súa opinión o Goberno do PP pretende eliminar a curto prazo.
Antonio Veiga, responsábel Comarcal do BNG, indicou que “non é casual que a empresa pública FEVE teña previsto reducir a partir do mes de Outubro curiosamente as dúas liñas con máis usuarios, isto é a que sae de Ferrol ás 8,10 e chega a Oviedo ás 14:30 e a que sae de Oviedo ás 7,45 e chega a Ferrol ás 14:10, o que significa no primeiro caso que non funcione ningún traxecto entre Viveiro e Ribadeo até as 12,19 e no segundo a ausencia de liñas desde 6,50 até as 14,45. Outro tanto acontece coa proposta prevista para os meses de Xuño a Setembro onde se propón suprimir a liña que sae de Ferrol ás 10:30 e chega a Ribadeo ás 13:25 e a que sae de Ribadeo ás 14:45 con chegada a Ferrol ás 17:40. Está claro que estas decisións van na dirección de rematar cun medio de transporte fundamental para a vertebración da Comarca, tanto na perspectiva do transporte de viaxeiros, como no plano económico”.
A dirección do BNG na Mariña denunciou que “ estamos diante doutra discriminación máis para a Comarca, posto que mentres noutras zonas do Estado, como Asturias ou Cantabria, refórzanse os servizos de FEVE na Mariña, Ferrolterra e Ortegal suprímense liñas. Neste caso máis unha vez o PP fai todo o contrario do que lle interesa aos veciños da Mariña, xa que do que se trata é de ampliar a oferta de liñas, particularmente no servizo de cercanías, e tamén na súa utilización para o transporte de mercadorías, posto que non debemos esquecer que FEVE atopase nunha situación inmellorábel para dar saída á produción da factoría da Alcoa”.”Non imos permitir que o Goberno do PP desmantele este servizo e a par que comprometemos o noso apoio tanto no plano social como institucional para que o mesmo se manteña demandamos dos representantes na Mariña do PP que estean á altura da situación e antepoñan os intereses da zona as directrices do Partido”, afirmou Veiga quen informou que o BNG vai presentar iniciativa nas diferentes institucións desde os Concellos ao Congreso dos Deputados para manter o servizo.
O Portavoz Comarcal do BNG demandou “unha resposta unánime do conxunto dos axentes sociais e políticos da Mariña para manter o ferrocarril e esixiu responsabilidade e altura de miras do resto das forzas políticas, sacando o tema do debate partidista, a fin de obrigarlle ao Estado a modificar esta proposta. A nosa vontade é concordar con todos para que A Mariña, tamén neste tema non de un salto atrás de 50 anos, posto que unha vez fechado o servizo, recuperalo vai ser particularmente complicado”. Neste sentido Veiga fixo un chamamento ao conxunto da poboación da Mariña para que participen da mobilización convocada para o Domingo 5 de Agosto as 11:30 h na Estación de Ferrocarril de Burela. “Temos que converter a estación de Feve de Burela o vindeiro Domingo nun auténtico clamor na defensa dunhas infraestruturas que son básicas para o desenvolvemento económico e a vertebración territorial da Mariña” afirmou Veiga.
Os nacionalistas ao longo da xuntanza de onte repasaron as iniciativas que teñen presentado no ámbito local, no provincial e no autonómico e anunciaron a presentación nos próximos días dunha iniciativa no Congreso ao mesmo tempo que lamentaron “ o silencio ou en todo caso a inación dos populares ao respecto. Onde están os parlamentarios do PP diante do problema ou os seus cargos orgánicos”, preguntouse Veiga, quen fixo pública a súa opinión que “non é casual que sexa a nosa Comarca unha das que lle toca levarse a peor parte nas decisións políticas do Goberno Feijoo e senón pensemos na sanidade, na educación, na posición da Xunta sobre Alcoa, ou nos niveis de desemprego. So hai unha explicación que o PP de Lugo non ten peso na Xunta e que os dirixentes mariñaos do mesmo van ao seu sen preocuparse polos problemas da Comarca”. A proposta que o BNG rexistrou onte no Parlamento e que tamén levara a outros Concellos galegos pivota sobre dous eixos, un primeiro que pasa por garantir as liñas actuais e un segundo no que se insta a Xunta a elaborar en seis meses un plano de potenciamento do servizo.
LUGO LIDERA A DESTRUCCIÓN DE EMPREGO EN GALIZA
Na xuntanza do Consello Comarcal do BNG que coincidía coa publicación dos dados da EPA, os nacionalistas analizaron como os mesmos incidían na Comarca, e de xeito moi particular como están incidindo as políticas de Feijoo no comportamento do emprego na nosa zona. Parga
O Parlamentario autonómico, Manuel Parga, manifestou na reunión que “no segundo trimestre de 2012 mentres a destrución de emprego no Estado Español foi dun 1%, en Galiza o incremento foi dun 3,89 por cento, en Lugo foi do 11,3. Pero é que hai máis desde a esta dinámica dun diferencial moito maior na provincia en xeral e na Mariña en particular xa se leva producindo dende que Feijóo chegou ao goberno da Xunta, pois dende aquela até o hoxe, o incremento do paro no Estado foi do 50% en Galiza foi do 69,5 por cento e en Lugo do 95 por cento”.

Exit mobile version