Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Pontenova alerta de que o concello poida seguir mantendo o servizo de axuda a domicilio

O BNG DA PONTENOVA ALERTA DE QUE O CONCELLO POIDA SEGUIR MANTENDO O SERVIZO DE AXUDA A DOMICILIO

Mónica Rancaño critica que “ao eliminar as axudas a Xunta de Galiza queda en entredito que se poida seguir mantendo o servizo de axuda no fogar”

O Concello da Pontenova foi o único da provincia que non solicitou a axuda á Deputación Provincial para o servizo de axuda a domicilio.

A Pontenova, 17 de xullo de 2012. Esta mañá, a voceira nacionalista da Pontenova, Mónica Rancaño, manifestou a través desta nota de prensa aos medios a súa crítica ao brutal recorte que a Xunta de Galiza vén de aplicar no sistema de benestar e que vai ter particular incidencia en todos os concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes, como é o caso da Pontenova.

Segundo indicou Mónica Rancaño, “os recortes da Xunta poñen en risco na Pontenova o funcionamento do servizo de axuda a domicilio, que no noso Concello presta atención a máis de 70 persoas, e fará case imposible que se poida por en funcionamento o Punto de Atención á Infancia (PAI) que tería que atender a 22 cativas e cativos”. No Concello da Pontenova, hai unhas 70 persoas usuarias directas que se benefician do servizo de axuda do fogar básico cuxo custe ascende a uns 40.000 euros, polo que a Xunta de Galiza deixa abandonados a un numero importante de persoas, poñendo en risco tamén o emprego das persoas que traballan neste servizo. Rancaño, afirmou que “as axudas da Xunta aos servizos sociais comunitarios xa foron recortadas os anos 2010 e 2011, especialmente no que se refire ao Servizo de Axuda no Fogar. O Plan de 2011 dispoñía de preto de 24 millóns de euros para as prestacións sociais básicas, servizos sociais comunitarios e plan de desenvolvemento xitano, e o goberno do PP os recortou en 2,4 millóns de euros. Para este ano 2012, o plan concertado quedou na metade, en 12,4 millóns de euros. Isto tradúcese en que para o noso Concello, a axuda para este ano será de 0 euros”.

Por outro lado, Mónica Rancaño sinalou que o goberno de Darío Campos “deixou pasar a oportunidade de solicitar a subvención á Deputación Provincial como alternativa a estes recortes da Xunta de Galicia“, e é que o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, vén de anunciar que esta Administración subvencionará con 600.000 € o servizo de axuda a domicilio en 64 concellos da provincia. Dentro destes concellos non está a Pontenova, que segundo fontes da Deputación non solicitou esta axuda.

A voceira nacionalista da Pontenova, Mónica Rancaño, fixo fincapé en que “ademais temos que lembrar que o Concello non fixo nada cando desde o BNG pedimos que se buscaran alternativas para a financiación deste servizo, vital para moitas familias do Concello ”, facendo referencia a que para o vindeiro ano “os orzamento municipais non prevén diminución doutras partidas para poder adicar ese aforro ao mantementos dos servizos sociais básicos, senón que simplemente se limitan a subir o servizo un 25 aos seus usuarios”.

Exit mobile version