Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Alfoz-O Valadouro denuncia a grave deterioración da sinalización turística no Concello de Alfoz

Grave deterioración da sinalización turística no Concello de Alfoz

O BNG de Alfoz-O Valadouro quere denunciar a deterioración sofrida polos indicadores e sinalizacións dos monumentos e rutas de sendeirismo nos viais do Concello de Alfoz, onde moitos deles están totalmente ocultos pola maleza e outros están tombados, como por exemplo o que informa do Pazo de Carrocide, na parroquia de Lagoa (foto 1) cuxo indicador se atopa tirado na gavia, ou varios letreiros de orientación da ruta da Pena Abaladoira, totalmente tapados polas silveiras das marxes viarias (fotos 2 e 3).

Dende o BNG consideramos que de pouco serve editar folletos turísticos e pagar anuncios nos xornais ou investir en Fitur, se despois se lle ofrece ao visitante unha imaxe terceiromundista e de total abandono. Xa dabondo complexo é circular polas estradas de Alfoz praos foráneos (non hai letreiros co nome dos barrios, só das parroquias) e se aínda se deixa ir ficando obsoleta a escasa sinalización adicada ao turismo, este concello convertirase nun labirinto nada atractivo prao visitante.

-Manifestamos que:

O Concello debe coidar e manter en perfecto estado a sinalización de información turística, xa que nos atopamos en plena campaña estival e a imaxe que dá Alfoz é a dun lugar esquecido e remoto.

Exit mobile version