Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz quere respostas sobre a situación do asilo

O BNG DE FOZ QUERE RESPOSTAS SOBRE A SITUACIÓN DO ASILO

“Para Basanta, o PP non quixo nunca a Residencia para Foz”

“O BNG pide que o alcalde interveña e aclare as cousas”

Foz a 14 de xullo de 2012. – O BNG de Foz pide explicacións e respostas sobre a actual situación do Asilo de Foz e sobre o futuro desta institución, a única actualmente no concello que acolle a persoas da terceira idade e que funciona como residencia.

Xa desde abril o BNG advertira da posible marcha da ONG do Asilo

O BNG de Foz en abril deste ano, advertira sobre a posibilidade da marcha da ONG que xestiona o Asilo de Foz no mes de xullo. Diante das dúbidas feitas públicas polo BNG, o responsable de Edad Dorada-Mensajeros de la Paz, Antonio Rodríguez, recoñecera publicamente que a ONG no tiña previsto abandonar el asilo e incluso manifestou a súa sorpresa pola noticia. Nos mesmos termos se manifestaron a dirección do asilo e o alcalde de Foz.

O BNG preocupado pola calidade asistencial dos maiores

A pesares destas declaracións, ao BNG chegáronlle novas de que a empresa que xestiona o Asilo de Foz acaba de despedir a dúas traballadoras así como que non están admitindo no centro residencial a persoas que non sexan da localidade. O BNG, diante destes feitos, está preocupado pola posible diminución da calidade asistencial no asilo ao reducir o persoal e de que realmente exista a pretensión por parte de Mensajeros de la Paz de ir reducindo o servizo pouco a pouco ata o abandono definitivo do centro.

Por iso, o BNG solicita do Alcalde de Foz, na súa condición de representante do Concello no Padroado, que reúna a este, solicite información e aclare publicamente a certeza destes supostos. “En calquera caso, agora máis que nunca é necesario saber cal é realmente a situación do Asilo e prestarlle a axuda provisional necesaria para manter o servizo mentres non se constrúe a nova Residencia. O pouco que temos non podemos perdelo”, afirmou Xan Carlos González Basanta, portavoz municipal do BNG.

O BNG reclama que se licite xa a nova Residencia e o Centro de Día prometido

Para o BNG a solución definitiva a esta situación está na construción da nova Residencia e do Centro de Día comprometido polo PP. “O que está claro é que na axenda do PP non estivo nunca a Residencia de Foz pois en catro anos de lexislatura non foi capaz de poñer nin a primeira pedra” . Os terreos levan desde o ano 2009 cedidos á Xunta pero o PP foi adiando a situación, todo para non ter que dotar a Foz da Residencia que lle corresponde e necesita. Isto é un acto por parte do PP claramente de agravio comparativo con Foz pois o PP noutras localidades da Mariña de menos poboación e menos identidade que Foz si inaugurou tanto residencias como centros de día. “É vergonzoso que o PP xogue desta maneira cos nosos maiores e cun servizo público tan necesario para Foz mentres dedica 1,5 millóns de euros para rematar un asilo ilegal en Chandrexa de Queixa –de 600 habitantes- e que leva xa consumidos 1,3 millóns da Deputación de Ourense ou outros 1,4 millóns para unha residencia en Monterramo –de 900 habitantes-, inmerso tamén noutra trama xudicial. Por non mencionar o 1,6 millóns de euros que gastará en festas gastronómicas”, declarou Basanta. Neste sentido, o BNG levará a pleno unha moción –que xa levou o ano pasado- para que nos orzamentos da Xunta do ano 2013 apareza o inicio das obras do Centro Residencial de Día de Foz.

Exit mobile version