Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presenta a súa campaña “Futuro para a Mariña”

O BNG PRESENTA ESTE XOVES NUNHA XORNADA DE LECER A SÚA CAMPAÑA “FUTURO PARA A MARIÑA”

Veiga afirmou que “a comarca vive unha situación crítica, tanto polo aumento do desemprego como polo desmantelamento industrial, fronte á que hai que dar resposta”

Desde a tarde do xoves á mañá do venres o BNG da Mariña organizará diversas actividades nos Xardíns Noriega Varela de Viveiro

A Mariña, 12 de xuño de 2012. O responsábel comarcal do BNG na Mariña, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou esta mañá que “o BNG da Mariña vai celebrar unha xornada cultural, de lecer e reivindicativa que se prolongará desde o xoves 5 de xullo ás 18:00 horas ao venres 6 a mediodía, e durante a cal se vai presentar a campaña “Futuro para a Mariña”, que pretende ser unha resposta á situación de emerxencia que vive a comarca”.

Os actos desenvolveranse nos Xardíns Noriega Varela de Viveiro desde as 18:00 horas do xoves até as 14:00 do venres e acollerán diversos actos entre os que se poden destacar xogos para nenos e nenas, xogos tradicionais, sesións de contacontos a cargo da mariñá Fátima, así como unha mesa redonda que se realizará o xoves ás 20:00 horas coa presenza de Xosé Paleo, portavoz da CIG no comité de empresa de Alcoa, Manuel Parga, deputado do BNG no Parlamento Galego, e Bernardo Valdés, profesor de Estrutura Económica da USC.

A continuación desta mesa redonda celebrarase un concerto de Mini e Mero así como unha foliada na que participarán diversas agrupacións da comarca e na que se ofrecerá un xantar popular aberto para todas as persoas que se acheguen. Ademais, para as persoas que se queiran quedar de xoves a venres está habilitada unha zona de acampada.

Segundo explicou Antonio Veiga, “o BNG ve con preocupación a situación que se está a vivir na Mariña dende fai varios anos, onde o drama do paro e as súas consecuencias asolan a nosa comarca provocando situacións dramáticas a máis cidadáns mariñáns cada día, especialmente dende fai tres anos, coincidindo coas mudanzas no goberno galego, o incremento do paro co desmantelamento industrial e a pobreza non fixo mais que incrementarse ofrecendo cifras alarmantes”.

Veiga afirmou que “dende xuño de 2009 ata o 1 de xuño de 2012 o desemprego incrementouse o 52% na comarca da Mariña, mentres nese mesmo tempo medraba un 38% no conxunto de Galiza e un 32% no Estado. Estamos asistindo polo tanto ao desmantelamento industrial en toda regra dunha comarca que tiña un tecido produtivo importante e que era unha das economías máis dinámicas da Galiza oriental. Na Mariña estanse a producir expedientes de regulación de emprego a diario que supoñen despedimentos definitivos na maioría dos casos e temporais noutros”.

“Por todo isto –afirmou Veiga, o BNG na Mariña quere poñer as súas alternativas enriba da mesa e amosarllas á cidadanía, para o que organiza esta xornada que acabamos de anunciar, xa que o BNG ten claro que esta comarca ten potencialidades e recursos que se deben aproveitar e sacar adiante e desde o BNG traballarase, como sempre veu facendo, para logralo. Así que convidamos a todas as persoas a que se acheguen pasadomañá xoves aos Xardíns Noriega Varela de Viveiro para coñecer as propostas do BNG nunha xornada lúdica pero tamén de reflexión e debate”.

Exit mobile version