Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presentará mocións nos concellos da Mariña esixindo ao Estado e á Xunta unha resposta á crise na comarca

O BNG PRESENTARÁ MOCIÓNS NOS CONCELLOS DA MARIÑA ESIXINDO AOS GOBERNOS DO ESTADO E DA XUNTA UNHA RESPOSTA Á CRISE DA COMARCA

Veiga afirmou que “a comarca vive unha situación crítica, tanto polo aumento do desemprego como polo desmantelamento industrial, fronte á que hai que dar resposta e propoñer solucións”

“Feijoo e o seu goberno provocaron a destrución de miles de postos de traballo, son os responsables de precarizar as condicións laborais e eliminar dereitos sociais e laborais conquistados polos cidadáns durante séculos” –criticou Veiga

Desde a tarde do xoves á mañá do venres o BNG da Mariña organizará actividades nos Xardíns Noriega Varela de Viveiro para presentar á cidadanía as súas propostas

A Mariña, 4 de xullo de 2012. O responsábel comarcal do BNG na Mariña, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou esta mañá que o BNG vai presentar mocións en todos os concellos da Mariña para reclamar aos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza que ofrezan alternativas perante a situación crítica que vive a comarca, liderando todas as estatísticas de destrución de emprego nos últimos meses, con fortes empresas pechando as súas portas e moitas outras vendo perigar a súa continuidade e camiñando cara o desmantelamento industrial. Neste camiño, o responsábel do BNG na Mariña afirmou que “desde o BNG non imos permanecer impasíbeis mentres unha das comarcas que até o de agora foi das máis dinámicas no plano económico e social se desintegra pola inanición dos responsábeis políticos que nos des-gobernan. Por iso imos demandar presentando estas mocións que se tomen as medidas necesarias para garantir o futuro de todos e todas as mariñás”.

Antonio Veiga foi moi crítico coa xestión do PP e afirmou que “Feijoo e o seu goberno están a ser o brazo executor que manexa a piqueta de demolición de miles de postos de traballo, son os responsables de precarizar as condicións laborais e eliminar dereitos sociais e laborais conquistados despois de moitas loitas de traballadores e cidadáns durante séculos”.

Dende xuño de 2009 ata o 1 de xuño de 2012 o desemprego incrementouse o 52% na comarca da Mariña, mentres nese mesmo tempo medraba un 38% no conxunto de Galiza e un 32% no Estado. Estamos asistindo polo tanto ao desmantelamento industrial en toda regra dunha comarca que tiña un tecido produtivo importante e que era unha das economías máis dinámicas da Galiza oriental. Na Mariña estanse a producir expedientes de regulación de emprego a diario que supoñen despedimentos definitivos na maioría dos casos e temporais noutros. Abondan os exemplos de Sargadelos: 113 traballadores/as afectados; Gres Burela: 39 traballadores afectados (sen traballo dende hai máis de 3 anos); empresas en concurso de acredores, como Construcións Mon, o peche de Aglomerados ECAR, en Mondoñedo, que supuxo o despedimento de 65 traballadores/as e a eliminación dunha fábrica que levaba funcionando dende o ano 1964, ou o ERE de Mobles Hermida de Lourenzá que supuxo o despedimento de 75 traballadores.

Veiga afirmou que “o declive económico acentúase ate límites imposíbeis de aceptar e soportar e, ou somos quen de mudar as políticas económicas que nos levaron a esta situación, ou a vida da maioría da xente das nosas vilas non fará máis que empeorar. Por iso temos desde o BNG imos demandar solucións específicas como esiximos da Xunta de Galiza un Plano Estratéxico para o Hospital das Costa que recolla a súa ampliación e incremento da carteira de servizos. Solicitar aos gobernos Galego e Estatal un Plano de Industrialización para a Comarca da Mariña así como apoio a iniciativas de auto emprego que permita a creación de postos de traballo na Comarca da Mariña. Ademais, imos instar á Xunta de Galiza a un compromiso claro cos servizos públicos a fin de incrementar as prazas e prestacións nos centros de ensino, de maiores e escolas infantís, sectores estes especialmente agravados pola política de recortes do PP. Ademais, como xa o viñemos facendo tempo atrás, nas mocións instarase ao Goberno do Estado a poñer en marcha unha tarifa eléctrica que garanta a continuidade dos 2.000 postos de traballo existentes na actualidade na Multinacional Alcoa e empresas auxiliares”.

Campaña “Futuro para a Mariña” mañá xoves

O BNG da Mariña vai celebrar unha xornada cultural, de lecer e reivindicativa que se prolongará desde o xoves 5 de xullo ás 18:00 horas ao venres 6 a mediodía, e durante a cal se vai presentar a campaña “Futuro para a Mariña”, que pretende ser unha resposta á situación de emerxencia que vive a comarca”.

Os actos desenvolveranse nos Xardíns Noriega Varela de Viveiro desde as 18:00 horas do xoves até as 14:00 do venres e acollerán diversos actos entre os que se poden destacar xogos para nenos e nenas, xogos tradicionais, sesións de contacontos a cargo da mariñá Fátima, así como unha mesa redonda que se realizará o xoves ás 20:00 horas coa presenza de Xosé Paleo, portavoz da CIG no comité de empresa de Alcoa, Manuel Parga, deputado do BNG no Parlamento Galego, e Bernardo Valdés, profesor de Estrutura Económica da USC.

A continuación desta mesa redonda celebrarase un concerto de Mini e Mero así como unha foliada na que participarán diversas agrupacións da comarca e na que se ofrecerá un xantar popular aberto para todas as persoas que se acheguen. Ademais, para as persoas que se queiran quedar de xoves a venres está habilitada unha zona de acampada.

Por todo isto, o BNG na Mariña quere poñer as súas alternativas enriba da mesa e amosarllas á cidadanía, para o que organiza esta xornada que acabamos de anunciar, xa que o BNG ten claro que esta comarca ten potencialidades e recursos que se deben aproveitar e sacar adiante e desde o BNG traballarase, como sempre veu facendo, para logralo. Así que están convidadas todas as persoas a que se acheguen mañá xoves aos xardíns Noriega Varela de Viveiro para coñecer as propostas do BNG nunha xornada lúdica pero tamén de reflexión e debate.

Exit mobile version