Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS Pescados Rubén presentou a Miguel Castilla Moreno, Mimi, como segundo reforzo

O PECHE MIMI, SEGUNDO REFORZO BURELISTA

O Burela FS Pescados Rubén presentou oficialmente a Miguel Castilla Moreno, máis coñecido como Mimi, para a vindeira tempada, como segundo reforzo, tras a fichaxe de Enrique Cánovas. O peche, procedente do Triman Navarra, estivo acompañado polo presidente da entidade, José Ramón González Casas, e o directivo Antonio Ródenas na sede laranxa.

Mimi (Madrid, 1981) recala na Mariña avalado por unha ampla experiencia nas pistas de Primeira e cunha traxectoria marcada por seis tempadas no Azkar Lugo (2006-11), ademais de Las Rozas Boadilla (2004-06), Gervasport Boadilla (2000-04), Regal Sport (1999-2000) e a base de Fixus Madrid (1990-99).

O novo xogador burelista recoñeceu a súa identificación co proxecto: “Resúltame moi atractivo. É un proxecto a longo prazo, de asentamento, cun club serio deportiva, social e economicamente”, dixo o peche. “O Burela é un equipo novo e con ganas que poderá consolidarse na categoría, sen rexeitar ningún obxectivo, mantendo a filosofía de traballo día a día e coa ambición de aprender”, así falou Mimi do futuro do club laranxa, onde se reencontrará con Iago Míguez e Suso Rey, cos que coincidiu na súa etapa transportista.

“Creo que se poderá ver o mellor Mimi dos últimos anos” asegurou o madrileño, que achegará ao proxecto laranxa “traballo, sacrificio e axuda aos xogadores máis novos”.

Dende as filas laranxas, os dirixentes aplaudiron a chegada de Mimi como un xogador con “experiencia e fortaleza que facilitará toma de contacto do equipo coa Primeira División”.

Exit mobile version