Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela coloca a dedo o persoal para o servizo de socorrismo nas praias e para o GRUMIR, asegura o BNG

O Concello de Burela volve ás andadas e coloca a dedo o persoal contratado para o servizo de socorrismo nas praias e para o GRUMIR.

O Goberno do PP en Burela ven de contratar a 10 socorristas mediante un procedemento selectivo que de novo deixa moito que desexar. Xa no pasado ano vivimos unha situación semellante, cando o persoal que integraba o tribunal fora substituído arbitrariamente sen que o Sr. Barcia dese resposta ás preguntas efectuadas nese sentido polo grupo municipal do BNG. Por aquel entón tamén vimos como quedaban fóra do procedemento selectivo persoas que demostraban unha alta cualificación técnica na fase de concurso e eran eliminadas na entrevista, accedendo outras persoas con escasa cualificación e sen experiencia previa.

Para o BNG de Burela é lamentable que se volva repetir a mesma situación este ano, pois o proceso de selección, de novo, preséntase escandaloso. Resulta curioso que queden fora persoas que acreditaron 2,25 puntos no apartado de formación e que tiñan experiencia e que pola contra, sexan seleccionadas persoas que tiñan 0,5 ou 0,75 puntos no apartado de méritos e sen experiencia previa. O PP antepón os seus intereses clientelares incluso á seguridade das persoas que disfruten dos nosos areias, ou se non, non se explica como se pode facer unha contratación como a que se levou a cabo e que se fixo “tarde, mal e a rastro”. Aínda que vendo as contratacións, é doado entender o porque da demora coa que se fixo a convocatoria.

O certo é que o Goberno do PP estase a lucir nas últimas semanas, pois xa nos deixaron estupefactos coa contratación que realizaron para o GRUMIR a finais do pasado mes de xuño. Neste caso, o Sr. Barcia, acolléndose á modalidade de contratación anticipada da Xunta, dispuxo de manga ancha para contratar a dedo a persoas afíns e incluso coñecidos militantes do PP, como é o caso do ex-concelleiro Luís Pedre, que en lugar de realizar os labores propios do Grumir e para os que foi contratado, está a ocupar un posto na Oficina de Información Turística.

Así entende o Goberno do PP os servizos públicos e as ofertas públicas de emprego, como unha forma de colocar á xente que lles interesa, sen respeitar a libre concorrencia nin a igualdade de oportunidades. Unha vez máis, o Sr. Barcia entrégase ao clientelismo como forma de goberno e consolidación do seu poder ao frente do Concello.

Exit mobile version