Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela recórdalle aos usuarios das praias a necesidade de facer un uso responsable dos recursos naturais

O CONCELLO REALIZA UNHA CAMPAÑA POLAS PRAIAS PARA RECORDALLES AOS USUARIOS A NECESIDADE DE FACER UN USO RESPONSABLE DA AUGA DAS DUCHAS E DOS LAVAPÉS. AS MONITORAS DE GAIA COLOCARON HOXE PEGATINAS INFORMATIVAS.

Burela, 24 de xullo de 2012. As monitoras do Centro de Educación Ambiental Gaia colocaron hoxe pegatinas informativas nas duchas das praias burelesas para recordarlles aos usuarios a necesidade de facer un uso responsable dos recursos naturais.

A concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, sinalou que “o que pretendemos é evitar o uso indebido e reducir o consumo de auga nos areais, xa que hai estudios que constatan que tan só o 34% da auga consumida nas
duchas instaladas a pé de praia se emprega para o seu fin e o resto desperdíciase, ben sexa xogando ou en usos prolongados”.

A edil popular lembrou que “un neno xogando nunha ducha ou nun lavapés pode
chegar a malgastar 500 litros de auga en 20 minutos”.

López Eijo indica que “na información dispoñible a pé de ducha nas praias de Burela recórdase aos usuarios que non está permitido o uso de produtos de aseo nas duchas e lavapés do areal, que deben ser conscientes de que a auga é un ben escaso e por tanto hai que facer un uso responsable da mesma e non deixar que os nenos xoguen coa auga das duchas, fontes ou lavapés. E tamén se lles lembra que está prohibido o acceso á praia de animais de compañía e o emprego das duchas para asealos”.

Exit mobile version