Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo activa o servizo de socorrismo nas praias e na piscina de Rio Covo

Cervo inicia a temporada de praia activando o servizo de socorrismo nos areais e nas piscinas de Río Covo

-En total o Concello disporá de 15 vixilantes que velarán pola seguridade dos bañistas e dos usuarios das praias e piscinas do municipio

Cervo, 4 de xullo de 2012-A temporada de praia arrinca esta fin de semana no municipio de Cervo coa entrada en funcionamento do servizo de socorrismo que se activará a partir do sábado nos principais areais e nas piscinas das instalacións deportivas de Río Covo. No caso das praias, os vixilantes distribuiranse na do Torno, Cubelas e A Caosa, os areais de máis afluencia e que tradicionalmente veñen contando con este servizo, que se prestará de luns a domingo. Tamén este sábado é a data elixida para a apertura das piscinas de Río Covo, as últimas instalacións que quedaban por arrincar para contar con todo o complexo en funcionamento.

O inicio da época de baño nas praias implica tamén que os areais se atopan xa totalmente acondicionados e equipados co mobiliario habitual. No caso da praia do Torno este ano conta ademais cunha pasarela de madeira que foi colocada hoxe e que permitirá o acceso universal ao areal. Dito elemento fora entregado hai uns meses polo Servizo Provincial de Costas e o Concello agardou á inminente chegada da temporada de praia para instalala co obxectivo de mantela en boas condicións. Un areal que conta ademais cuns vestiarios e servizos que foron mellorados e acondicionados para a súa utilización por parte de persoas con dificultades de mobilidade. As obras foron financiadas polo mesmo Servizo Provincial de Costas e remataron nesta primavera.

Ao mesmo tempo, a piscina cuberta de Lieiro continuará aberta durante todo o mes de xullo, polo que o Concello seguirá mantendo o servizo de socorrismo nesta instalación, que neste caso conta con 5 vixilantes, aos que se sumarán os 10 socorristas que velarán pola seguridade dos usuarios das praias cervenses ata conformar un total de 15 persoas dedicadas exclusivamente a tarefas de vixilancia e socorro. O persoal que estará pendente dos bañistas nos areais está financiado pola Xunta a través do Plan de Cooperación.

“Cervo está completamente preparado para iniciar a temporada estival, coas praias acondicionadas para acoller a cervenses, turistas e visitantes e, o máis importante, con persoal abondo para garantir a seguridade dos bañistas e evitar calquera incidente” explica o edil de Seguridade, José Ramón Soto. Ademais, “as praias cervenses son un dos nosos maiores atractivos e coidándoas e creando un clima de tranquilidade e seguridade pretendemos tamén apoiar ao sector turístico, que nestes meses de verán vive un momento álxido na súa actividade” remata o edil.

Exit mobile version