Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo entregou 22 mil euros en axudas aos clubs deportivos

O Concello volve axudar aos clubs deportivos cervenses cunha achega de máis de 22.000 euros

-Os catro clubs de fútbol do municipio son os beneficiarios desta subvención municipal

Cervo, 3 de xullo de 2012-O Concello fixo entrega esta tarde dos cheques correspondentes ás axudas ás asociacións e clubs deportivos do municipio. Catro entidades, o S.D. Cervo-Sargadelos, o C.D. San Ciprián, o S.D.C. San Román e o S.D. Candelaria, son as beneficiarias desta subvención municipal cuxa contía total ascende a 22.300 euros. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Deportes, José Ramón Soto, foron os encargados de entregar os cheques aos representantes dos clubs receptores da axuda, que estiveron presentes no acto.

Unha liña de subvención municipal que se vén mantendo nos últimos anos co obxectivo de “apoiar aos clubs federados do municipio contribuíndo a sufragar gastos correntes derivados de actividades de promoción deportiva ou participación en campionatos, así como outros gastos de funcionamento ou mantemento” explica o edil de Deportes.

A través desta axuda “tamén queremos amosarlles o noso agradecemento polo enorme esforzo que realizan estas entidades deportivas para mellorar e para manterse activas ano tras ano” engade Soto, xa que co seu traballo “fomentan a práctica de deporte e animan á mocidade a levar unha vida saudable e dinámica”. Para o delegado de Deportes “a potenciación da actividade física é prioritaria para o goberno local a pesar da difícil situación económica”, polo que seguiremos “axudando aos clubs, impulsando as escolas deportivas ou mantendo as instalacións deportivas municipais e promovendo a súa utilización”.

Exit mobile version