Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello recibe a dous nenos saharauís que pasan o verán en Cervo e ás súas familias de acollida

O Concello recibe aos dous nenos saharauis que pasan o verán en Cervo e ás súas familias de acollida

-Waara e Bachrir chegaron hai unhas semanas a Cervo, onde estarán ata finais de agosto gozando dun clima de tranquilidade e convivencia

Cervo, 24 de xullo de 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada recibiron este mediodía na Casa do Concello a Waara e Bachrir, dous nenos procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis no Tinduf (Arxelia), que pasan os meses de xullo e agosto en Cervo coas súas familias de acollida, que tamén asistiron ao acto. Ambas familias levan varios anos participando no programa Vacacións en Paz, promovido pola organización Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e co que colabora o Concello cervense financiando as viaxes de ida e volta dos cativos. No caso de Waara, é o primeiro ano que pasa o verán en Cervo, mentres que este é o terceiro ano de Bachrir.

Este é o sétimo ano consecutivo no que o Concello se implica neste programa de solidariedade e axuda desinteresada que consiste na acollida temporal de menores saharauis por parte de familias cervenses co obxectivo de proporcionarlles unha estancia agradable e lonxe dun ambiente bélico e de precariedade de recursos e, ao mesmo tempo, afastalos do deserto nos duros e calorosos meses do verán.

“O acto de recepción de Waara e Bachrir foi un momento moi emotivo para o goberno cervense” explica a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada. “Resulta moi gratificante ver aos nenos e ás familias felices por estar xuntos e poder compartir uns meses de alegría”. Dende o Concello de Cervo “queremos agradecerlles ás familias de acollida a súa sensibilidade e xenerosidade. Darlle as grazas tamén á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, a organización que impulsa o programa Vacacións en Paz e outras moitas iniciativas de achegamento e convivencia entre o pobo español e o saharaui” engade Armada. A edil remata desexándolles aos cativos unha feliz estancia en Cervo.

Exit mobile version