O conselleiro de Economía e Industria visita a fábrica de Sargadelos
-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, agradeceulle a Javier Guerra o seu compromiso coa factoría
A Consellería fixera unha grande achega económica na factoría de cerámica, investindo un millón de euros co obxectivo de apoiar o seu desenvolvemento e a súa expansión comercial ao mesmo tempo que se apostaba polo mantemento dos postos de traballo tentando garantir a súa continuidade.
O alcalde, Alfonso Villares, aproveitou a visita de Guerra para agradecerlle “a preocupación e a implicación do goberno da Xunta con Sargadelos, unha industria cun peso específico na comarca da Mariña, e que viviu un impulso despois do apoio da Consellería e do seu titular, Javier Guerra”. Segundo o rexedor, “Sargadelos, non é unha empresa convencional, senón que é unha fábrica histórica cunha forte compoñente identitaria, e un referente cultural en toda Galicia” e por iso “apoios como o prestado pola Xunta son dignos de eloxio” remata Villares.
ECONOMÍA E INDUSTRIA RESPALDA O MANTEMENTO DO EMPREGO EN SARGADELOS CO IMPULSO AO SEU PLAN DE EXPANSIÓN COMERCIAL
O conselleiro Javier Guerra visitou hoxe a planta lucense, que a Xunta leva apoiado con máis de 1.300.000 euros que lle teñen permitido incrementar a súa presenza nacional e internacional
Guerra destaca a estratexia exterior da empresa que puxo en marcha un departamento de internacionalización co apoio dun xestor de exportación facilitado polo Igape
Cervo (Lugo), 11 de xullo de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou hoxe na súa visita á fábrica de cerámica de Sargadelos (Cervo) que o respaldo da Xunta ten permitido o mantemento do emprego na planta mariñá, apoiando o plan de expansión comercial da empresa con axudas que suman máis de 1.300.000 euros.
Guerra, que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, salientou que o impulso da Consellería á estratexia exterior de Sargadelos impulsou a posta en marcha de novas accións comerciais e a activación dun departamento de internacionalización, grazas ao apoio dun xestor de exportación facilitado polo Igape, a través do cal se está estudando a apertura a novos mercados emerxentes.
Ademais, o acordo de colaboración entre Sargadelos e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) permitiu a promoción a nivel nacional e internacional da artesanía e da cerámica galega.
O conselleiro recordou que Economía e Industria, que está a impulsar a transformación do tecido produtivo galego potenciando a mellora da competitividade, a innovación empresarial e a internacionalización, salientou que a Xunta presta apoio a empresas que están atravesando dificultades económicas e necesitan financiamento “sempre que os seus plans de viabilidade garantan o seu futuro”.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que Sargadelos “é un emblema histórico no desenvolvemento industrial de Galicia” e supón “un importante motor económico para toda a zona” e asegurou que “pese ás actuais circunstancias económicas, parece que a empresa emprendeu xa o camiño para a súa recuperación e crecemento”. Algo para o que, como manifestou o conselleiro “contaron coa axuda da Xunta pero tamén é imprescindible o compromiso por parte dos propietarios”.