O encoro de Río Covo acollerá unha xornada de piragüismo co campión olímpico David Cal
-A actividade terá lugar este xoves día 12 pola tarde e para participar é necesario inscribirse
-Poderán acudir todas as persoas que o desexen cos únicos requisitos de saber nadar e ter a partir de 8 anos de idade
Para participar nesta xornada de piragüismo é necesario cumprir dous requisitos, como son saber nadar e ter a partir de 8 anos. Tamén é preciso inscribirse ata o 11 de xullo na Casa do Concello de Cervo ou na Casa da Cultura de San Ciprián en horario de oficina, co obxectivo de que a organización poida preparar os equipos necesarios para o seu desenvolvemento. As persoas participantes terán á súa disposición todo o material de seguridade e o equipamento imprescindible para practicar este deporte.
Tres monitores nacionais do Club Deportivo San Ciprián, Javier García Garza, Ana Álvarez e Cristina García, serán os encargados de impartir este curso intensivo. Todos eles estiveron na presentación da actividade á que tamén acudiron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, o padexeiro David Cal, o seu adestrador, Suso Morlán, e o presidente do Club Deportivo San Ciprián, José Antonio García Casas.
David Cal compartirá a súa experiencia como padexeiro con todas as persoas que participen nesta actividade, “e ben seguro a súa presenza na xornada terá unha grande capacidade de convocatoria, especialmente entre os máis pequenos” asegura o edil de Deportes. “Non todos os días temos a oportunidade de practicar un deporte xunto a un campión olímpico, e este é un momento ideal para coñecelo e aprender del” remarca José Ramón Soto, que lle agradeceu “a súa boa disposición a colaborar activamente en actividades coma esta”.
O padexeiro cangués acudira noutros anos a compartir o seu tempo con rapaces e rapazas das escolares deportivas “pero esta é a primeira vez que a xornada se desenvolve dun xeito práctico e nas augas do encoro de Río Covo”. Soto tamén quixo agradecer ao Club Deportivo San Ciprián “a súa desinteresada contribución a esta actividade achegando recursos humanos e materiais que fan posible que a xornada sexa unha realidade”.
“O goberno local pretende potenciar a práctica do piragüismo” engade o concelleiro, “tendo en conta que no municipio de Cervo dispoñemos dun lugar cunhas características excepcionais para a práctica deste deporte, como é o encoro de Río Covo”, e boa mostra diso é que “ven sendo o lugar de preparación de David Cal para unha cita deportiva tan relevante como son os Xogos Olímpicos” remata Soto.