Conta atrás para a celebración da romaría de Sargadelos na honra de Santiago Apóstolo
-Os actos comezarán o martes 24 co Festival Sargadelos Fusión e continuarán o mércores co concerto de Treixadura entre outros moitos eventos
Os actos comezan o martes cun xantar de romaría ás 15:00 horas. O lanzamento de bombas de palenque ás 20:00 horas marcará o inicio oficial dos festexos. Unha hora máis tarde arrincará o IV Festival Sargadelos Fusión, que contará cos grupos Los Eternos, de Cedeira; Medomedá, de Teo; Recambios Tucho, de Santa Uxía de Ribeira; e The Brosas, de Burela. Durante o evento musical haberá un sorteo de dúas entradas para o concerto de Extremoduro na Coruña.
A romaría continuará o mércores, Día do Apóstolo, co lanzamento de bombas de palenque ás 12:00 horas. Unha hora despois dará comezo a misa solemne cantada polo coro parroquial de Cervo e ás 13:30 horas arrincará a procesión a cargo do grupo de gaitas Airiños do Xunco. Ás 14:00 horas o trío Vivarium encargarase da sesión vermú. O xantar de romaría comezará ás 15:00 horas, mentres ás 20:00 horas os asistentes poderán repoñer forzas cunha pancetada e chorizada. O momento musical do día porao o grupo Treixadura, a partir das 22:00 horas. Unha hora e media máis tarde empezará á queimada gratuíta amenizada polo grupo Vivarium, encargado da verbena.
“Dende o Concello queremos animar a cervenses e visitantes a participar nesta romaría atractiva por diversos motivos, dende o cartel ata o enclave especial no que se celebra, pasando pola data escollida, o Día de Galicia” asegura a edil de Xuventude, Tania González, “Sobran motivos para achegarse ata o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos a gozar desta romaría” remata González.