Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela afirma que reitera o seu apoio á escola de música para a realización da actividade docente do curso

O EQUIPO DE GOBERNO REITERA O SEU APOIO Á ESCOLA DE MÚSICA PARA A REALIZACIÓN DA ACTIVIDADE DOCENTE DO CURSO. OS POPULARES DIN NON TER CONSTANCIA DE QUE DESDE ORGANIZACIÓN DO CURSO DE JAZZ SE SOLICITASE O USO E A GRATUIDADE DE NINGUNHA INSTALACIÓN MUNICIPAL.
Burela, 21 de xullo de 2012. O grupo de goberno asegura non ter constancia algunha de que por parte da organización do curso de jazz se tivera solicitado o uso de ningunha instalación municipal e tampouco a súa gratuidade. Desde o grupo de goberno reiteran o seu apoio á Escola de Música de Burela para a realización da actividade docente do curso.

Os populares din que o PSOE minte neste asunto e acúsao de querer confundir á opinión pública, “algo propio de quen foi capaz de gastar 17.500 euros do Plan E do goberno Zapatero en subvencionar un curso de jazz”.

O equipo de goberno explica que “recentemente o presidente da asociación que organiza o curso de jazz mantivo conversas con representantes do Concello de Burela e en ningún momento pediron o uso e a gratuidade de instalacións municipais para a realización do devandito curso. Esto demostra que o PSOE minte ou que está mal informado”. Os populares subliñan que “no Concello non se recibiu invitación algunha dos organizadores do curso de jazz para asistir a ningún dos seus actos, entón si non se nos convida non acudimos”.

Desde o Concello reiteraron en sucesivas ocasións que “nos actuais momentos de crise económica apoiaríamos as actividades musicais que partisen da Escola Municipal de Música de Burela, e así o fixemos co curso de música interdisciplinar celebrado recentemente e ao que asistiron 100 alumnos. No Concello axudamos ás asociacións culturais en función da situación económica que vivimos e si esa asociación quere contar co noso apoio. O PSOE pode constatar a colaboración con ditas asociacións simplemente preguntándolles a eses colectivos”.

O equipo de goberno engade que “mostra do noso compromiso coa Escola Municipal de Música é que durante o curso que acaba de finalizar contratáronse dous novos profesores e aumentóuse a oferta educativa da Escola. Ademáis a banda de música de Burela, xestionada por unha asociación de ámbito privado, ensaia habitualmente nos locais municipais sin que en ningún momento se lle puxese ningún tipo de obstáculo desde o Concello”.

Exit mobile version