Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela suspenderá os incentivos económicos para prexubilacións do persoal municipal

O EQUIPO DE GOBERNO SUSPENDERÁ OS INCENTIVOS ECONÓMICOS PARA AS PREXUBILACIÓNS DO PERSOAL MUNICIPAL. SERÁ POR UN PERÍODO DE DOUS ANOS, DADA A SITUACIÓN ECONÓMICA QUE SE ESTÁ A VIVIR.

Burela, 23 de xullo de 2012. O equipo de goberno suspenderá durante un período de dous anos os incentivos económicos para as prexubilacións establecidos no convenio colectivo do persoal do Concello de Burela. Éste será un dos asuntos que se abordarán no pleno ordinario previsto para o vindeiro xoves, 26 de xullo, ás 20 horas.

O alcalde, José Mª González Barcia, dixo que “nesa sesión se modificará, mediante acordo plenario, o articulado referido ao convenio colectivo do persoal do Concello de Burela actualmente en vigor que ten que ver cos incentivos económicos en materia de prexubilacións. Tendo en conta a situación económica que se está a vivir desde o equipo de goberno consideramos que non se poden manter tal e como están eses incentivos económicos para levar a cabo prexubilacións. Durante o 2012 e tamén no 2013 ese articulado queda en suspenso”. O rexedor sinalou que “este mesmo articulado se estaba a aplicar a aquelas persoas que se xubilaban por incapacidade laboral. Esto crea un doble conflicto porque as persoas que se xubilan por incapacidade laboral cobran xa o 100% e non é normal que por enriba se lles dea unha prima económica por xubilarse antes de idade que lle correspondería”.

Outro dos asuntos que se someterá a aprobación no pleno do xoves será o regulamento de funcionamento do rexistro municipal de documentos. “Con este regulamento, que antes non existía, quedan completamente fixadas as distintas actuacións que se teñen que levar adiante para rexistrar documentos de entrada e de saída do Concello. A persoa que ten capacidade legal para levar ese rexistro é a secretaria ou calquera persoa na que delegue e calquera documento que se envíe deberá estar acompañado por un oficio asinado polo alcalde ou polo rexedor en funcións”. González Barcia explicou que “a partires de aí se poden crear rexistros auxiliares, pero en todo caso entendemos que é precisa unha regulamentación veraz e exacta do rexistro de entrada e saída do Concello de Burela para evitar posibles problemas á hora de rexistrar documentación que poida ter trascendencia para os cidadáns”.

Exit mobile version