Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo responde ás críticas do PSOE co argumento “e ti máis”

Lémbralle que o anuncio contra o rescate bancario publicado pola Deputación en varios xornais da provincia estaba asinado pola Vicepresidencia deste organismo e que lonxe de ser hoxe un asunto resolto foi denunciado diante da Fiscalía

O PP DE CERVO LAMENTA QUE O PSOE AVALE O USO CON FINS PARTIDISTAS DA DEPUTACIÓN DE LUGO

 A publicidade do Partido Popular de Cervo na última campaña electoral das municipais cumpriu escrupulosamente a legalidade, mentres que a Deputación pretendeu facer pasar por publicidade institucional o que era un anuncio partidista do BNG, incumprindo a normativa vixente.

Cervo 31 de xullo de 2012.- O Partido Popular de Cervo lamenta que o PSOE local defenda o uso con fins partidistas da Deputación de Lugo, e amosa a súa tristeza ante o intento dos socialistas por confundir á cidadanía mesturando cuestións que nada teñen que ver unhas coas outras. Para o PP é incomprensible que “na liña de radicalidade habitual dos socialistas cervenses, sexan máis papistas que o Papa, e intentan defender un feito grave e desafortunado que a propia Deputación cualificou como un erro que non debería repetirse”

A pasada semana o Pleno municipal de Cervo, de xeito similar ao que están a facer outros concellos da provincia, reclamou ao presidente e vicepresidente da Deputación de Lugo que asuman as súas responsabilidades políticas e dimitan. A devandita petición tiña por obxecto censurar o que se está a converter nun comportamento habitual dos responsables do Goberno bipartito provincial: facer pasar por campañas institucionais o que simplemente é propaganda partidista.

A polémica xurde despois de que diversos xornais publicaran un anuncio contra o rescate bancario asinado pola Vicepresidencia da Deputación pero que en realidade eran mensaxes da campaña publicitaria que o BNG estaba a facer en toda Galicia.

BOLETÍN DO PP DE CERVO

Pola contra o boletín ao que fai referencia o PSOE forma parte da campaña informativa promovida por un partido político, o PP de Cervo, no marco da última campaña electoral das eleccións municipais e cumpriu escrupulosamente coa legalidade. De feito ninguén denunciou a súa distribución xa fai hoxe máis dun ano.

Con este boletín os populares buscaban render contas da súa xestión ao fronte do Goberno municipal e en todo momento quedaba claro que o distribuía o Partido Popular e non, ningunha administración, e non o Concello.

“Queiran ou non recoñecelo, isto é moi diferente do que fixo a Deputación que pretendeu facer pasar pasar por publicidade institucional o que era un anuncio partidista do BNG, incumprindo a normativa vixente”.

Exit mobile version