Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo resume a última sesión do pleno atacando os partidos da oposición

Na sesión celebrada na tarde-noite de onte e co voto da maioría absoluta dos concelleiros que forman parte da Corporación Municipal

O Pleno de Cervo insta ao presidente e vicepresidente da Deputación de Lugo a que presenten a súa dimisión tralo uso partidista do organismo provincial

 O PP rexeita as peticións do PSOE para manter o sistema laboral que contribuíu á maior destrución de emprego da democracia, a que tivo lugar nas dúas últimas lexislaturas socialistas.

 O PP lémbralle ao BNG que os apoios da Xunta están a ser decisivos para garantir a viabilidade futura e o mantemento dos postos de traballo de empresas como a Cerámica de Sargadelos ou Alcoa

Cervo 27 de xullo de 2012. O Pleno do Concello de Cervo acordou co voto da maioría absoluta dos seus edís instar ao presidente e vicepresidente da Deputación de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro e Antón Veiga respectivamente, a que presenten a súa dimisión tralo uso con fins propagandísticos e partidistas do ente provincial.

A esixencia de dimisión xurde despois de que o BNG empregase os logos e tipografía da Vicepresidencia primeira da Deputación para desenvolver unha campaña contra a axuda europea aos bancos, incumprindo o establecido na lexislación vixente en materia de publicidade institucional. Estes feitos, por certo, foron denunciados polo PP ante a Fiscalía.

Os populares lamentan que socialistas e nacionalistas empreguen unha institución da importancia da Deputación “que é de todos” con fins políticos particulares e aseguran que BNG e PSOE de Cervo perderon unha oportunidade única para recoñecer o erro e dicirlles aos máximos mandatarios da Deputación que, polo seu comportamento, non merecen seguir nos seus cargos.

O PSOE DEFENDE O MODELO LABORAL QUE NOS FIXO LÍDERES EUROPEOS EN DESTRUCIÓN DE EMPREGO

Por outra banda, o PP rexeitou as peticións do PSOE de Cervo que pretendía aprobar unha declaración en contra da última reforma laboral promovida polo Goberno que preside Mariano Rajoy. Os populares lembraron que é absolutamente incrible que os socialistas non teñan aprendido nada logo da súa espectacular derrota electoral e sigan na defensa dun modelo laboral –o sistema que deixou o Goberno de Zapatero e Rubalcaba- que contribuíu a facer de España o país europeo con maior destrución de emprego. “Nunca antes na historia da democracia aconteceu o que puidemos ver nas dúas lexislaturas do PSOE en Madrid. Nunca antes tanta xente perdeu o seu posto de traballo, e os socialistas fan moito mal defendendo a continuidade dese modelo laboral fracasado”.

O APOIO DA XUNTA DECISIVOS PARA EMPRESAS CERVENSES COMO SARGADELOS OU ALCOA

Por outra banda o PP tampouco apoiou a petición do BNG que baixo a escusa de garantir o futuro da Mariña empregaba argumentos manifestamente falsos en materias da importancia da sanidade, do emprego ou da situación industrial na comarca. Desde o PP se ben recoñecen que a crise está a afectar aos distintos concellos da Mariña lucense non se esquecen de lembrarlle ao BNG que os apoios da Xunta están a ser decisivos para garantir a viabilidade e o futuro dos postos de traballo de empresas radicadas en Cervo como son a Cerámica de Sargadelos ou Alcoa. O Goberno galego ten mobilizado unha inxente cantidade de diñeiro en apoio do plan de expansión da industria cerámica Sargadelos e do proxecto de gasificación de Alcoa San Ciprián. Traballa tamén para ofertar tarifas competitivas na factura eléctrica da multinacional do aluminio.

Exit mobile version