Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo tratará no pleno unha moción sobre a publicación dun anuncio cos logos e tipografía da Vicepresidencia primeira da Deputación

Os populares denunciaron ante a Fiscalía a publicación dun anuncio cos logos e tipografía da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo na que se facía propaganda partidista contra a axuda europea aos bancos infrinxindo o establecido na normativa vixente sobre publicidade institucional

O Pleno municipal debaterá a esixencia de dimisión do Presidente e Vicepresidente da Deputación de Lugo

Dáse a circunstancia de que os portavoces do PSOE e do BNG na oposición en Cervo están a soldo do ente provincial e, a pesar diso, ningún deles condenou o uso de medios institucionais da Deputación para empregalos como altofalantes da estratexia de comunicación partidista.

Cervo 26 de xullo de 2012. O Pleno do Concello de Cervo que terá lugar esta tarde debaterá a proposta do Grupo Municipal Popular a esixencia de dimisión do Presidente e Vicepresidente da Deputación de Lugo. Os populares reclaman a marcha de Jose Ramón Gómez Besteiro e Antón Veiga logo de ter protagonizado irregularidades no uso dos medios institucionais provinciais.

Os feitos remóntanse ao pasado mes de xuño cando o Partido Popular denunciou ante a Fiscalía a publicación dun anuncio cos logos e tipografías da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo no que o ente provincial facía propaganda partidista contra a axuda europea aos bancos. A devandita publicidade non responde aos criterios contemplados na lexislación vixente sobre as campañas institucionais.

No caso concreto de Cervo dáse a circunstancia de que os portavoces do PSOE e do BNG na oposición –Lara Méndez e Xose Antón Estua- perciben un soldo do Goberno bipartito da Deputación provincial, pero ningún deles fixo algunha declaración de condena polo uso irregular de medios institucionais da Deputación para empregalos como altofalantes da estratexia de comunicación partidista, neste caso do BNG.

Para o PP o devandito comportamento socava e denigra a imaxe pública da Deputación Provincial de Lugo, que lonxe de servir ao interese xeral convértese nun instrumento partidista ao servizo dos seus actuais gobernantes. Sinalan que en política os erros e as irresponsabilidades se asumen a través dun procedemento: a dimisión inmediata e irrevogable dos seus responsables, neste caso, do presidente e vicepresidentes provinciais.

Exit mobile version