Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo afirma que apoia o copago

EN DEFENSA DO COPAGO SANITARIO EN GALICIA

O grupo municipal do PP de Ribadeo defende o copago en Galicia como unha proposta de racionalidade social, económica e política

Nestes tempos convulsos, de decisións económicas complicadas, herdanzas políticas envelenadas e futuros moi incertos, faise necesario apuntalar ben os alicerces das nosas decisións. Certamente poidéronse tomar moitos e distintos camiños, certamente haberá que revisar algún dos tomados, cambialos, ensaiar outros que non se queren tomar, que algúns non queren tomar,… está claro que son poucos os que deciden e non imos estar todos de acordo nas liñas de actuación nin nas decisións a tomar, pero tamén debemos ter claro que as decisións nesta lexislatura as vai a tomar o partido que está no goberno, elixidos democraticamente e respaldados por unha maioría. Aqueles que queiran presentar ó pobo como enganado caen no insulto, aqueles que vexan a unha agrupación política como enemiga están socavando os máis fundamentais soportes do Estado moderno. Se todas as decisións políticas deste goberno son equivocadas, contrarias á cidadanía e inútiles, tempos virán nos que a través do voto e da elección popular se poida mellorar e cambiar o status e se arranxen tódolos desaguisados e as perdas de dereitos que moitos están a criticar hoxe en día. Temos a obriga de facer un esforzo conxunto e sinceiro para equilibrar as estructuras económicas e sociais do noso país, e nesa traxectoria están a facer as cousas, e así o debemos ver. Poderá haber outros camiños, pero agora apostamos por estes.

Entre todas as propostas que este goberno propón para mellorar a nosa situación, a proposta concreta do copago na nosa comunidade ven sendo un acerto total e absoluto, que nos sitúa na liña da cordura e da racionalidade social, económica e política. Con todas as limitacións e erros de execución que poida haber na implantación dunha medida deste tipo, estaba claro que o sistema sanitario español necesitaba unha reforma. Todos os colectivos eran conscientes da necesidade de reformas e as ineficiencias no sistema se poñían de relieve a cotío.

Esta proposta na nosa comunidade supón que dos casi 3 millóns de tarxetas sanitarias, uns 160 mil non pagarán por estar exentos (ter rendas de integración, pensións non contributivas, afectados por síndrome tóxico, persoas con discapacidade segundo a súa normativa específica, parados de longa duración sen subsidio ou tratamentos por enfermidade laboral ou accidente de traballo). Os pensionistas pagarán un 10% do que lles costen as recetas, cun máximo de 8 euros ó mes (os que non superen os 18 mil euros anuais) e os traballadores activos un 40, 50 ou 60 % segundo a súa renda (antes se pagaba o 40%). Cabe salientar que, por vez primeira, en Galicia os parados sen prestación non pagarán nada (antes pagaban o 40%), e ademais, a diferencia doutras partes do Estado, os pensionistas non terán que adiantar os cartos, cando cheguen ó maximo que teñan asignado non pagarán máis.

Estas son as bases desta proposta que mateñen a política social. Deixemos pois os falsos argumentos da perda de dereitos, da perda da universalidade e gratuidade e axudemos entre todos e todas e na medida das posibilidades de cada un. Non se poderá lograr nada sen facer nada, non poderemos equilibrar o noso país sin un labor consciente e un esforzo social. Haberá outras cousas que facer, haberá cousas mal feitas, pero esta é unha medida que nos beneficiará a tódolos cidadáns.

Exit mobile version